Quintana afirma que "sería unha tranquilidade" que Cañete fose comisario e pregunta: "¿onde hai que asinar?"

Actualizado: martes, 22 abril 2014 20:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Abr. (EUROPA PRESS) -

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou que "sería unha tranquilidade" para o sector pesqueiro galego que o aínda ministro de Agricultura, o popular Miguel Arias Cañete, relevase a María Damanaki como comisario de Pesca da Comisión Europea. Preguntada ao respecto, remitiuse á contestación do patrón maior de Burela, para chancear cun "¿ onde hai que asinar?".

Así, durante a presentación da feira 'Expomar' desta localidade luguesa, a conselleira opinou que "sería unha tranquilidade para traballar no mundo da pesca" que Cañete sucedese a Damanaki, posto que considera que é "unha persoa que coñece o sector" e sabe das súas "fortalezas e debilidades". "Ten confianza no sector", engadiu.

Previamente, á cuestión sobre este eventual nomeamento, o responsable da confraría burelense, Basilio Otero, respondeu coa pregunta "¿ onde hai que asinar?", expresión que retomou a responsable galega de pesca para concluír coa súa valoración ao respecto.

Mentres, o alcalde deste municipio da Mariña de Lugo, José González Barcia, foi máis alá para aseverar que, ao seu xuízo, "muchísimo mellor un Cañete que mil Damanakis".

Se o ata agora titular da carteira de Agricultura --na que se engloban as competencias do Goberno español en materia pesqueira-- chega a ser o novo comisario do ramo, Galicia "xoga con vantaxe", sentenciou o rexedor popular, quen valorou o feito de que Cañete "coñece o sector" e está "implicado" con el, algo que puxo en dúbida no caso da grega María Damanaki.