A RAG reivindica o valor de Manuel María "para a causa" do idioma

Manuel María
FUNDACIÓN MANUEL MARÍA
Actualizado: sábado, 30 abril 2016 19:50

Alonso Montero repasa a traxectoria do poeta entre "faladoiros" literarios, poesía social e a defensa do nacionalismo de esquerdas

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A Real Academia Galega reivindica este 17 de maio a figura de Manuel María como "un dos grandes poetas chairegos". Unha efeméride que para o seu presidente, o escritor e ensaísta Xesús Alonso Montero, "faille xustiza" a unha traxectoria vital dedicada "á causa" da lingua galega e a unha obra poética na que o autor plasmou a súa percepción "do latexo humano" da Terra Chá, introducíndose ademais nos interioridade da vertente máis social e comprometida deste xénero literario.

   O presidente da Academia repasou as distintas facetas do poeta homenaxeado, nunha entrevista concedida a Europa Press, pasando pola súa obra máis "paisaxística" ata o seu activismo político e social como "unha voz do nacionalismo de esquerdas" en Galicia e da denuncia sobre a problemática social que rodeaba á lingua galega.

   Montero recordou os anos nos que "trataba moito" con el tras chegar a Lugo durante o curso do 60-61, época na que o poeta xa se había afincado en Monforte pero durante a que mantiña unha relación constante coa cidade lucense, onde tiña amigos e participaba en faladoiros literarios.

   "Foi unha relación que me enriqueceu", destaca o líder da institución académica, que en conversacións co autor da Terra Chá discutían e abordaban as súas inquietudes sobre a poesía social e as antoloxías e obras publicadas en España, temática coa que Manuel María "estaba xa moi comprometido" por aquel entón.

   Tratouse, engade Montero, dunha relación de enriquecemento mutuo, un elemento característico ao longo dunha vida na que "dedicou moito tempo á conversación" e ao faladoiro con figuras como Ánxel Fole, Luis Pimentel, Ánxel Xoan e mesmo Ramón Piñeiro. De feito, os seus anos de estudio no Instituto de Lugo permitíronlle cultivar a que foi unha das súas grandes amizades, Uxío Novoneyra.

O "LATEXO" DA TERRA CHÁ

   Ademais da poesía máis "social" ou "civil", á que dedicou "libros enteiros" e o compromiso da cal mantivo a través dos anos, Alonso Montero quedaría "sobre todo" coas primeiras etapas da súa obra, exemplificadas en creacións como 'Morrendo a cada intre' ou 'Terra chá'.

   Este último pertence "á mellor poesía paisaxística de Galicia" non por descrición dende o punto de vista botánico, senón porque nela Manuel María plasmou a súa percepción do "latexo espiritual" e "humano" desa terra e o sitúa entre "os grandes poetas chairegos.

   Xunto a iso, a partir do ano 68 dedicou un peso "especialmente importante" á temática da lingua galega a través dunha obra que Alonso Montero considera, mesmo sociolingüística. Un espazo no que o homenaxeado era "o maior cultivador" ata o ano 2000, e no que Celso Emilio Ferreiro foi "precursor" co poema 'Deitado fronte ao mar'.

   Manuel María abordou a "problemática social" do idioma con poemas "moi reivindicativos a favor do galego" xunto a outros de corte "satírico contra o castrapo" e aqueles que, "nacendo ou non en berce de ouro", pretendían andar "de señoritos pola vida" desdeñando "todo o que tiña que ver coa fala popular".

   O poeta, ademais, xogou un papel "moi activo" no nacionalismo galego (militante do BNG) e consagrouse como unha voz "comprometida co país e cos valores da esquerda", tomando partido en causas como 'Burla Negra' ou 'Nunca Máis', xurdidas a raíz da catástrofe do 'Prestige'.

CAPACIDADE COMUNICATIVA "GRANDE E ESPECIAL"

   "En relación a outros candidatos" a ser recoñecidos no 17 de Maio, Montero cre que Manuel María "ten algo que outros non teñen", independentemente da súa entidade e categoría literaria".

   "Tiña unha capacidade comunicativa grande e especial. Soubo chegar aos nenos, fixo libros importantes de poesía infantil e foi musicado e interpretado por músicos e cantores, cousa que non sempre sucede con outros poetas, algúns non menos importantes", explicou.

   A mostra é que Manuel María "está sendo cantada en centros, escenificado, recitado, comentado" e por iso será "un bo ano", dado que os seus versos e a súa obra "se difundirán con eficacia", como "non acontecería" con outros autores.

   "Un grande éxito para a causa da lingua", engadiu, constando, nas súas visitas aos centros educativos e os institutos, a "presenza" que ten o poeta no ámbito escolar, que representa "o futuro" da sociedade galega.

CARPA EN OUTEIRO DE REI

   Como cada ano, xunto a decenas de actividades conmemorativas en todas as localidades, a Academia organiza a súa propia homenaxe o próximo 17 de maio, en Outeiro de Rei, cun plenario público onde disporán dunha carpa para que "poida asistir moita xente" e no que distintos académicos abordarán un aspecto distinto da súa personalidade literaria.