Quintana asegura que "o peso da lei" caerá sobre os incendiarios

Rosa Quintana
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 27 julio 2014 16:15
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

Recorda aos gandeiros, "ante as noticias" que os animan a producir o que queiran", que "este ano aínda hai cotas" lácteas

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asegurou este domingo que "o peso da lei" caerá sobre os incendiarios que queiman os montes galegos.

   Neste sentido, Quintana fixo fincapé, nunha entrevista concedida a Cadena Ser, en que a Xunta analizará "todas e cada unha das causas" dos lumes.

   "O que esperamos é que o peso da lei caia sobre todos aqueles que atopemos como responsables dese estrago patrimonial que acontece, por desgracia, cando hai bo tempo en Galicia," sentenciou a conselleira de Medio Rural.

   A este respecto, lamentou que a "cultura do lume" estea "arraigada" en Galicia. "Creo que o que temos que ser capaces, como sociedade, é de cambiar esa forma de ser e apartar, digamos, do noso círculo de relación ás persoas que son, dalgún xeito, criminais", remarcou Quintana en relación aos incendiarios.

   De feito, a conselleira incidiu en que "destruír o patrimonio, os bens materiais ou a vida das persoas só ten unha palabra: criminal, delincuente".

SERVIZO "EFICAZ"

   Sobre o servizo de extinción de incendios, Quintana subliñou que "hai moi poucas comunidades, e mesmo países, que respondan con tanta eficacia". "O noso servizo é capaz de afrontar 100 lumes nun día e evitar que o 70 por cento pase de conato", destacou.

   E é que sostén que ésto é unha proba da "excelente coordinación e preparación" do persoal de extinción de lumes. Aínda así, indicou que "todo se pode mellorar", pero aseverou que non vai aceptar que se "critique" a coordinación e o "traballo magnífico" que realizan os que loitan contra o lume.

COTAS LÁCTEAS

   Noutra orde de cousas, a conselleira de Medio Rural recordou aos gandeiros, "ante as noticias que animan [...] a producir o que queiran porque finaliza o sistema de cotas" (lácteas), que "este ano aínda hai cotas".

   Neste sentido, remarcou que "se se supera a produción haberá sancións". E é que, en abril de 2015, desaparecerá o sistema de cotas lácteas.

   Polo tanto, asegurou que "hai tempo para modular a produción e adaptar as explotacións, sobre todo para aqueles que vaian pasados de cota".