Rueda cre que o PP de Ourense está a ser "bastante claro" sobre o seu financiamento coa expulsión do exxerente

Actualizado: miércoles, 26 noviembre 2014 14:52

Contrapono con que esa "claridade" pareceu "non se ver" na comparecencia de Besteiro na Deputación de Lugo

A CORUÑA, 26 Nov. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, manifestou que o PP de Ourense está a ser "bastante claro" coa expulsión do exxerente do partido Emilio Pascual Vázquez, tras revelar ante a instrutora da 'Operación Pokémon', Pilar de Lara, a existencia de supostas operacións de financiamento ilícita na formación provincial.

A preguntas dos xornalistas, Rueda recordou que "o propio presidente" do PP de Ourense, Manuel Baltar, "anunciou accións penais", ademais de acordarse a expulsión. "Polo tanto, remítome a esas iniciativas, sen ningunha dúbida", apostilou.

Mentres, preguntado se non se podería malinterpretar a expulsión como un castigo á persoa que declarou ante o xuíz, Rueda dixo que o PP de Ourense "está a ser bastante claro dende o principio". "Como hai que ser, a claridade é o que se agradece". "Non ter medo absolutamente a nada", remarcou.

COMPARECENCIA DE BESTEIRO

Pola contra, contrapuxo esta actuación coa do presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, sobre o rexistro efectuado pola xuíza Pilar de Lara no organismo provincial.

Ao respecto, dixo que esa "claridade" parecía "non se ver" na Deputación de Lugo "cando se dá unha serie de explicacións, pero non se permite ningunha pregunta, non vaia ser que incomoden ou desvirtúen as explicacións que se deron".

"Se non outra explicación non ten a comparecencia de Besteiro", engadiu Rueda. Ademais, preguntouse qué "problema había en deixar falar ao grupo do PP que o pedira", engadiu.