Rueda defende que a lei para adaptar a reforma local busca "garantir" os servizos

Inauguración de las jornadas sobre el futuro de las haciendas locales
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 23 abril 2014 12:09

Aposta por reclamar "con firmeza" o financiamento axeitado para os concellos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, defendeu que a lei de medidas urxentes para adaptar a reforma local a Galicia pretende "garantir" que se manteña a prestación dos servizos que dan os concellos galegos e chamou á oposición a consensuar no trámite parlamentario da normativa.

O proxecto lexislativo arrancou este martes o seu trámite na Cámara galega tras salvar as peticións de devolución de PSdeG e BNG, que foron avalados por AGE e o Grupo Mixto. "Lamento moito que os grupos da oposición non fosen capaces de ver cál era a utilidade da lei, que non é outra que solucionar os problemas que se están a dar nos concellos de aplicación práctica da lei estatal", manifestou este mércores Rueda, antes de participar nunha xornada sobre o futuro das facendas locais do Foro Correo.

Os municipios, proseguiu, pediron ao Goberno galego que arbitrase "unha fórmula legal para despexar todas estas dúbidas". Esta vía, reivindicou, é "o camiño máis práctico e intelixente".

"Non cremos que sexa adecuada a estratexia que nos propoñían --os grupos da oposición-- de pura confrontación", engadiu e rexeitou a vía de recorrer a lei estatal ante o Tribunal Constitucional porque "tardaría muchísimo en resolverse e, mentres tanto, os problemas seguirían aí".

Por iso, chamou á oposición a que durante a tramitación da lei galega na Cámara "se dean conta" de que o que pretende a Xunta, "xunto coa Fegamp, que informou favorablemente o proxecto de lei", é "que sigan funcionando os servizos municipais". Así, pediu "entre todos ser capaces de adaptar a lei estatal ás peculiaridades de Galicia" e a colaborar sen facer deste asunto "nin política nin partidismo".

Tamén destacou que para garantir a prestación dos servizos é necesario contar con fondos abondos. En concreto, o vicepresidente da Xunta avogou por reclamar "con firmeza e con todo o dereito o financiamento axeitado". "Non ten sentido restituír competencias se non se garante o financiamento", apuntou.

NON TEME UN RECURSO DO ESTADO

Rueda indicou que espera que o Goberno central non recorra a lei galega. "A día de hoxe non nos fixo ningunha consulta", indicou e afirmou que se ten algunha dúbida" respecto a esta norma, "que está realizada polos servizos xurídicos da Xunta", os responsables do Executivo autonómico estarán "encantados de resolvela". "Temor --de que a recorran--, ningún", engadiu e mostrouse seguro de que "invocando o principio de colaboración" se lograrán acordos.

En calquera caso, destacou que a fórmula pola que optou a Xunta descarta un recurso de inconstitucionalidade de Galicia contra a norma estatal e considerou que "non tería ningún sentido" que o Estado actuase contra a norma galega porque o que busca é unha adaptación "con todas as garantías xurídicas".

Na súa intervención no foro, Rueda defendeu tamén a necesidade de políticas de estabilidade presupostaria. "Nós non o vemos como unha ameaza, senón como unha garantía de que os servizos públicos se van prestar", asegurou e considerou que "a foto fixa de estabilidade" nos municipios "é boa".