Rueda reprocha ao PSdeG que pregunte se Pachi Lucas dorme en Monte Pío e reivindica a integridade de Feijóo

Actualizado: miércoles, 26 noviembre 2014 20:21

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Nov. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reprochou este mércores á deputada socialista Marisol Soneira que preguntase en sede parlamentaria se é verdade que o considerado conseguidor da Operación Zeta, Pachi Lucas, pasou a noite en Monte Pío.

Tras criticar unha pregunta que "ule a rancio, a casposo e a carca que tira para atrás", reivindicou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é "un home íntegro no que ninguén inflúe". "Por iso intentan sacar algo con esta pregunta", lamentou.

Na súa intervención ante o pleno, a veterana socialista indicou que o empresario no centro da Operación Zeta, o "militante do PP" Gerardo Crespo, decidiu pagar mensualmente 3.000 euros a Pachi Lucas para que exercese como "conseguidor, abrepuertas" dadas as súas "boas relacións" co PP.

E, proseguiu Marisol Soneira, no sumario xudicial da Operación Zeta consta que "parte" do diñeiro que obtiña para cursos de formación a armazón de Crespo, "volvía ao PP" en forma de "diñeiro b".

Ademais, recordou que Crespo sostivo que a proximidade de Lucas con Feijóo era tanta que este mesmo pasara a noite na residencia oficial do presidente. "Non nos interesa a vida privada do presidente", puntualizou, pero pediu que se certifique este extremo.

RETRÁTANSE"

Ante esta pregunta, Rueda sentenciou que os socialistas "se retratan" con este tipo de interpretacións. "¿Que buscan con esta pregunta?", inquiriu.

A liña seguido, demandou saber quen encargou a Soneira a realización desta pregunta, ben o voceiro parlamentario, José Luis Méndez, ou ben o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. "Non creo, pola conta que lle trae", suxeriu, tras sinalar que "hai material en sumarios" para facer preguntas similares a cargos socialistas.

"Sigan por este camiño de salsa rosa que iniciou Pedro Sánchez", replicou ao PSdeG, "non sen ironizar que antes presumían de vermellos e agora son máis rosas". "¡Como cambiou o PSdeG, pero para mal!", abundou, convencido de que o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño "non faría" este tipo de oposición.

"INFUNDIOS"

Finalmente, Soneira xustificou a súa pregunta na necesidade de "preservar a honorabilidade da institución", para dar á Xunta a posibilidade de alegar que as palabras de Crespo son "infundios".

"Pero non se atreve a dicilo", evidenciou, para concluír que se é certo que durmiu en Monte Pío tamén pode selo o resto. E, de ser así, segundo o seu criterio, o presidente "ten que dimitir".

Por alusións, Méndez Romeu tomou a palabra para subliñar non ten "a culpa" de que ao vicepresidente "non lle guste" que acudir ao Pazo do Hórreo a dar explicacións pero que si "furgar na esterqueira". "E eu si que non entro nese xogo", remachou.