Sánchez Izquierdo replica a AGE que TVG podería ser "criticable" polo contrario a "un trato de privilexio" a Prado

Alfonso Sánchez Izquierdo
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 30 septiembre 2014 19:37

Fajardo critica que saíu máis o incidente de Sestayo que "o caso Prado" e denuncia "distintas varas de medir" a corrupción na CRTVG

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Sep. (EUROPA PRESS) -

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, sostivo este martes no Parlamento que a televisión pública galega podería ser "criticable" polo contrario a "un trato de privilexio" á ex voceira do PPdeG Paula Prado, de quen investiga o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a posible comisión de delitos de fraude á administración pública e tráfico de influencias.

Así respondeu ao deputado de AGE Juan Fajardo, quen, en comisión parlamentaria, aseverou unha vez que os medios públicos son "órganos de expresión do PP máis rancio" e denunciou que "manipulan a realidade".

Neste sentido, censurou que existen "distintas varas de medir" a corrupción política e reprobou que o tratamento é diferente cando o caso atinxe ao PP ou a outras forzas. Como exemplo "paradigmático", apuntou que o incidente da socialista Beatriz Sestayo co seu coche no aparcamento do Pazo do Hórreo "apareceu en 34 noticias", mentres que a investigación a Prado ocupou tan só 25. "Alguén debería explicar isto", sentenciou.

En fronte, Sánchez Izquierdo defendeu que o tratamento do caso de Prado foi "acorde" á súa situación, pois a súa dimisión como voceira popular foi "amplamente tratada" e tamén a súa "vinculación" á Operación Pokémon e a decisión do TSXG de investigala.

"Pode comprobar que este asunto (a investigación) apareceu en todos os informativos do día en que se coñeceu", resaltou, e replicou que tamén ocupou un 'Foro aberto' --como aconteceu coa parlamentaria do PSdeG-- e un 'Bos días'. E, en canto ás críticas polo número de "ocasións" que tivo o PP para "xustificar a presunta corrupción" de Prado, explicou que "se adoita dar prioridade ás explicacións" da persoa ou entidade involucrada.

"MESMA PRÁCTICA"

Dito isto, asegurou que "a práctica é a mesma en todos os casos de imputados", se ben no que atinxe a Paula Prado hai un matiz: "que ela non está imputada". Polo tanto, concluíu o director do ente público, "nada que ver cun trato de privilexio".

A liña seguido, xustificou a "excepción" de informar sobre o caso da exconcelleira do PP en Santiago en que "era a voceira" do PPdeG e en que está sendo investigada polo máis alto tribunal galego.

"VENTILADOR"

Oídas as súas explicacións, Fajardo contraatacou acusando a TVG de "poñer o ventilador dunha forma moi evidente", pois rotulou a información sobre os 'enchufes' na Operación Pokémon asegurando que esta práctica "afecta a todos os partidos".

"A todos, non", advertiu, para asegurar que os que integran a coalición da que el forma parte non se viron salpicados. "Nós non nos financiamos ilegalmente, nin pagamos en negro as sedes, nin temos voceiros investigados por corrupción", abundou.

"Se titular foi así, recoñezo que ten unha dose de indeterminación bastante elevada e que debería ser máis preciso e concreto", admitiu, sen deixar de asumir que se podería facer "mellor". Con todo, rexeitou "falta de credibilidade" nos informativos dos medios públicos, tal e como demostran os seus "magníficos" datos de audiencia.

SITUACIÓN ECONÓMICA DE TVG

Ademais, Fajardo interpelou a Sánchez Izquierdo sobre a reclamación da Axencia Tributaria das liquidacións do IVE da CRTVG e acusoulle de "mentir" ao negar, na última comisión antes do verán, ter información da contía reclamada.

Este extremo foi negado polo director xeral, quen aseverou que aínda descoñece o alcance da retención pero calcula que rolda os seis millóns de euros. Os 8,3 millóns de euros cifrados polo deputado de Alternativa, segundo explicou, un empréstito solicitado á Xunta para facer fronte a un posible pagamento.

Finalmente, ante a petición de Fajardo de aplicar a lei de Medios de Galicia para que o director da CRTVG "sexa designado pola Cámara", Sánchez Izquierdo indicou que esa cuestión "vai máis alá" das "responsabilidades" que se lle atribuíron.

"Eu estou ao que decidan os grupos parlamentarios", resolveu, mentres que o deputado vilagarciano denunciou que AGE non conta con representación no consello de administración da CRTVG, malia ser "a terceira forza" de Galicia, porque este órgano leva "máis de dous anos" sin renovarse.

EVITAR DISCRIMINACIÓN

Por outra banda, a parlamentaria do PSdeG Carmen Gallego preguntou ao director dos medios públicos galegos se estes contan "cun código de boas prácticas" para evitar "discriminacións" ás persoas LGTBI, tal e como figura na Lei pola igualdade de trato e a non discriminación a este colectivo.

Sánchez Izquierdo asegurou que a televisión e a radio públicas están comprometidas coa non discriminación e, así, "se seguen con normalidade absoluta os temas de interese" para estas persoas e "se aborda a súa problemática" dende un punto de vista integral". Lonxe de "estereotipos", ofrécese "visibilidade" a este conxunto dende "unha perspectiva de integración", abundou.

"Hai unha actitude activa do persoal da CRTVG de ser o máis coidadoso e o máis aberto posible aos intereses destes colectivos", finalizou, ao que a socialista reduciu o seu "triunfalismo" pedindo, por exemplo, que nos programas de produción propia "aparezan" distintos tipos de relacións. "Que sexa normal na TVG o que é normal na rúa", resumiu.

Ao respecto, o xornalista ourensano avanzou que están en fase de produción series de ficción con "algúns dos seus protagonistas" englobados dentro do conxunto de lesbianas, gay, transexuais, bisexuais e intersexuais. "Concordo en que se pode avanzar nunha maior visibilidade destes colectivos", finalizou.