Sanidade avaliará as sancións pedagóxicas por facer botellón do Concello de Santiago para mellorar a súa normativa

A Conselleira De Sanidade, Pilar Farjas Abadía, Recibirá No Seu Despacho Ao Alca
EP/XUNTA
Actualizado: lunes, 14 noviembre 2011 16:09

A capital galega xa interpuxo sancións a 36 persoas, das cales oito xa solicitaron substituila por un traballo ou curso

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Nov. (EUROPA PRESS) -

Os técnicos da Consellería de Sanidade avaliarán os resultados das sancións pedagóxicas por beber na rúa que o Concello de Santiago xa empezou a aplicar en virtude da orde pola que se regula o sistema de substitución de sancións impostas por incumprimento da normativa de prevención de consumo de bebidas alcohólicas. Así, de haber achegas que poidan enriquecer a normativa actual, que está exposta na web do departamento autonómico ata o 19 de novembro, pasarán a formar parte da normativa.

Explicouno a titular da consellería, Pilar Farjas, tras reunirse co alcalde de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa, para abordar o desenvolvemento desta orde que ten como obxectivo priorizar a educación e prevención no consumo de alcohol fronte ás sancións económicas. Neste sentido, o rexedor da capital galega explicou que se interpuxeron 36 sancións por beber na rúa na cidade compostelana, de entre os cales oito xa elixiron realizar os traballos en beneficio da comunidade.

En declaracións aos medios, Pilar Farjas explicou que a reunión serviu para traballar no proxecto de substitución dos sistemas de sanción da Lei de prevención de consumo de alcohol por outro tipo de accións, fundamentalmente formativas e de traballos en beneficio da comunidade, unha iniciativa da que o Concello de Santiago "está a ser pioneiro".

Neste sentido, destacou que a aplicación desta iniciativa no municipio compostelano "permitirá realizar unha avaliación", co obxectivo de que poidan alcanzarse conclusións que favorezan o desenvolvemento e uso desta "novidosa regulación", tanto por parte das institucións locais coma da Administración.

Ademais, tamén recordou que o Concello de Santiago recibiu en 2011 un total de 700.000 en axudas para prevención e asistencia de drogodependencias, que se enmarcan nos 8,5 millóns de euros que Sanidade destina este ano ao plan de trastornos aditivos. No caso da área de Santiago, permitirá atender unha poboación de máis de 240.000 persoas.

"SANCIÓNS PEDAGÓXICAS"

Pola súa banda, o rexedor compostelano, Gerardo Conde Roa, e tras agradecer a "axuda" que recibiu a Casa do Concello co "problema do botellón" por parte da consellería, explicou que, dende hai un tempo, se están a impoñer "sancións pedagóxicas" fronte ás económicas, o que permite substituír a multa por cursos de formación ou traballos en beneficio da comunidade, o que demostra --agregou-- que estas medidas non ten "afán recaudatorio".

Deste xeito, indicou en declaracións aos medios, trátase de "concienciar" sobre esta problemática que ten efectos "especialmente nocivos para a saúde, a sociedade e a convivencia familiar". "¿Cantos problemas de alcoholismo hai detrás das traxedias que se viven na sociedade, nos accidentes de tráfico ou na violencia doméstica?", preguntouse.

Gerardo Conde Roa subliñou que no caso de Santiago "as cousas van ben" e confía en que, pouco a pouco, se poidan ir incrementado os índices de substitución da multa económica --que pode oscilar entre os 600 (menores) e 750 (maiores de idade) euros como máximo-- pola sanción de carácter pedagóxico.

O alcalde de Santiago explicou que os cursos de formación os ofrecen os propios técnicos do concello, mentres que entre os traballos en beneficio da comunidade atopan o acompañamento de peregrinos á súa chegada á cidade ou a limpeza e conservación do Camiño, no termo municipal de Santiago e axudados por efectivos de Protección Civil.

DATOS DE CONSUMO

Segundo os datos achegados pola propia conselleira, en Galicia o 80 pro cento da xuventude de entre 14 e 18 anos recoñece tomar alcohol "en exceso" algunha vez na vida, sendo a substancia aditiva "máis consumida", situándose a idade media de inicio de consumo nos 13,9 anos.

Ademais, a conselleira de Sanidade indicou que os menores de Educación Secundaria afirman, nun 47 por cento, que beber cinco ou seis copas nunha mesma sesión non constitúe unha conduta de risco, co que a percepción de risco é "extremadamente baixa".