Sanidade descarta recomendacións alimenticias aos galegos porque é un virus de "difícil transmisión"

Jorge Suánzes en rueda de prensa sobre hábitos saludables
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 23 agosto 2014 18:23
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A Consellería de Sanidade considerou que non é necesario unha medida alimenticia ou hábito saudable concreto para previr o contaxio do virus do ébola porque é de "difícil transmisión" --contáxiase mediante o contacto con fluídos e equipo médico contaminado--.

   Así, o subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, Jorge Suanzes, explicou a Europa Press este sábado que o virus non se contaxia coa mera "proximidade do afectado".

   Á pregunta de se a Consellería recomenda ou propón algún hábito alimenticio concreto para evitar contaxios, o técnico descartou recomendacións ao respecto, polas características específicas da transmisión deste virus.

   Recordou, así mesmo, que os países africanos onde se está a propagar este virus carecen de infraestruturas dedicadas á prevención.

   A Consellería de Sanidade designou o Hospital Meixoeiro de Vigo como o centro de referencia para un posible caso de ébola. Ao respecto, en días pasados, a titular deste departamento, Rocío Mosquera, subliñou que está perfectamente preparado para afrontar un hipotético caso, e tamén se referiu ás "dificultades" de contaxio.

PROGRAMA 'XENTE CON VIDA'

   Por outra banda, Jorge Suanzes presentou os resultados do programa 'Xente con Vida', impulsado dende a Consellería de Sanidade dende o mes de marzo de 2012, que promove información "fiable" sobre prevención, saúde e estilos de vida saudables.

   O programa é unha iniciativa de comunicación que se desenvolve mediante a súa páxina web, 'www.xenteconvida.es', e tamén a través do seu blog e páxina de Facebook, onde alcanzaron "máis de 19.000 fans". O proxecto conta recentemente cunha canle de Youtube para a publicación de vídeorecetas, e proximamente terán vídeos de "actividades físicas saudables".

   Así mesmo, Suanzes remarcou a súa "satisfacción" ante os resultados obtidos polo programa, que ao seu xuízo, evidencian a "colaboración da cidadanía". Neste sentido, o subdirector xeral explicou que a iniciativa conta con 422.091 páxinas vistas e que os seus artigos teñen unha valoración media de 3,60 sobre 5.

   A plataforma de hábitos saudables rexistrou un perfil claro de lectores, segundo explicou o subdirector, cun 80% de mulleres e un 20% de homes. En contraposición, comunicou que o uso do galego na plataforma "limita" a interacción de persoas fóra de Galicia.