O seguimento do paro en xustiza mantense na xornada na que traballadores votan sobre a súa esixencia salarial

Funcionarios de xustiza concéntranse ante os xulgados de Santiago
EUROPA PRESS - Archivo
Actualizado: miércoles, 21 marzo 2018 14:47

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Mar. (EUROPA PRESS) -

O seguimento da folga na xustiza mantense en cifras similares á de xornadas anteriores este 21 de marzo, día no que os traballadores votarán se manteñen a súa esixencia salarial en 190 euros lineais ou se permiten aos sindicatos negociar outras cifras.

No que é xa o 43 día de folga, a Xunta e os sindicatos volveron a discrepar sobre os datos. Así, mentres que a Administración sinala que 929 persoas foron á folga, cun 33,8% de seguimento, os sindicatos elevan a cifra até o 77%.

Este mércores, desde as 12,00 e até as 17,00 horas, os traballadores votarán, de forma secreta e en urna, se manteñen a esixencia dunha subida de 190 euros ao mes ou si autorizan ao comité de folga, no que están integrados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO., a negociar e baixar esta cifra.

As organizacións sindicais, que estiman que os traballadores xa perderon uns 3 millóns de euros con este paro, cifran nun 90% os xuízos suspendidos cada xornada.

Este mércores, por exemplo, foron suspendidas pola folga na xustiza as declaracións no xulgado da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e do exregidor, José Clemente López Orozco.

Ambos comparecían en calidade de investigados por suposta malversación despois dunha querela presentada por un sindicato sobre un atraso nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba a comisión de servizo dunha funcionaria municipal para o posto de letrada de asesora do Concello de Lugo.