Ferrol saca á rúa a súa Semana Santa con forte presencia feminina

Actualizado: jueves, 17 abril 2014 14:49
cia" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

Unha das súas confrarías foi das primeiras de España en contar cun terzo exclusivamente feminino

   FERROL, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A Semana Santa de Ferrol, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, presume de ser unha das que ten maior protagonismo feminino en España, con mulleres integrando terzos, como portadoras de tronos ou en cargos directivos, e con maioría no número de confrades.

   Fronte ás polémicas que xurdiron entre as Confrarías da Semana Santa doutros puntos de España pola presenza de mulleres, a incorporación feminina en Ferrol foi progresiva e cunha loita case silenciosa, que permitiu que algúns dos tronos sexan transportados por mulleres e homes ou exclusivamente por mulleres.

   É o caso da Virxe da Esperanza. O trono, de case 2.300 quilos de peso, será levado a ombros de 70 mulleres, que tamén forman parte dun dos primeiros Terzos femininos de España, fundado en 1984. As portadoras da Confraría de Dores salguen ao longo da Semana Santa ferrolana ata en cinco ocasións.

   Se neste caso as portadoras son todas mulleres, na procesión da Señora dos Cautivos da Confraría da Merced, o grupo de portadores, formado por unhas cincuenta persoas para un trono de case 1.300 quilos, é mixto.

   Aínda que a esta situación actual se chegou de forma lenta foi promovida, nalgúns casos, pola necesidade. Foi a época da Transición española a que marcou un antes e un despois. Explica a historiadora e xornalista Ana Martín que, nun período político incerto, moitos dos integrantes das Confrarías deron "un paso atrás", por ideoloxía ou para marcar diferenzas co período vinculado ao Franquismo e a unha tradición que parecía asociarse "co nacional-catolicismo".

   Unha etapa que puxo en risco de supervivencia as procesións das Confrarías de Ferrol, ante a falta de integrantes. Neste escenario, as mulleres foron as que deron "o paso adiante" e comezaron, "de facto" aínda que non oficialmente, a coller as rendas. A obriga de que os confrades que tiñan que participar nas procesións saísen das súas vivendas coas cabezas cubertas propiciou esta presenza tácita das mulleres como groso das marchas relixiosas.

UN TERZO FEMININO

   Pouco a pouco a súa participación foise facendo máis visible, explica a historiadora. Sen conflitos, pero con recelos por parte do sector masculino, as mulleres adquiriron maior peso no seo das Confrarías. A de maior raizame de Ferrol, a de Dores, foi unha das primeiras de España en contar cun terzo -un dos grupos que integran as Confrarías- exclusivamente formado por mulleres, o da Virxe da Esperanza, co seu propio trono e imaxe, a mediados da década dos oitenta.

    Relata Ana Martín que o escepticismo masculino ante a presenza das mulleres non chegou a xerar conflitos pero si máis dunha anécdota. Hai 28 anos, ante a ausencia de homes abondos para cargar a ombros todos os tronos da Confraría de Dores, as mulleres decidiron asumir a responsabilidade.

   A desconfianza masculina, explica Martín, levou a que os homes, con "walki-talkies" para estar en contacto, as esperasen en cada esquina do barrio da Madalena, para comunicar o momento no que as mulleres desfalecesen da súa tarefa. Pero tras percorrer as distintas rúas, as mulleres portadoras chegaron ao seu destino ante a incredulidade dos seus compañeiros.

   "Chegou a haber ata apostas con diñeiro", recorda Lola Castro Casares, que durante anos foi portador da Virxe da Esperanza e que agora asumiu outro rol habitualmente destinado aos homes, o de mordomo, o encargado de guiar o trono durante a procesión.

   A pesar destes avances, non foi ata finais da década dos anos noventa cando se autorizou a creación do terzo de adultos femininos, porque ata o momento fora solo infantil.

XUNTAS DE GOBERNO

   Tamén supuxo un duro obstáculo a presenza de mulleres nas Xuntas de Goberno. "Houbo que pelexar bastante, antes eran todo homes e custou que unha muller entrase na Xunta de Goberno, elas traballaban moito pero noutras tarefas, como colocar flores ou coser, e non mandaban", explica Lola Castro. "Custou, pero unha vez que estivo unha muller xa se comezou a ver como algo máis normal", apunta.

   Algo que tamén reflicte a propia presenza dunha muller, María del Carmen Arcos, á fronte da coordinadora das Confrarías de Ferrol.

   Nas procesións da Semana Santa en Ferrol hai mulleres que asumen outras funcións historicamente masculinas, como levar as cruces ou os estandartes. "Cando ves as cruces ás costas se te fixas nos pés ves que moitas veces hai máis mulleres que homes", sinala Ana Martín.

SEMANA SANTA MOI FEMININA

   Non é de estrañar que nesta situación de progresiva igualdade, máis da metade das Confradas sexan tamén mulleres nunha Semana Santa moi feminina e para a que Ana Martín sostén que existe unha explicación.

   "As mulleres somos máis participativas", pero ademais "en Ferrol, pola súa historia vinculada á Armada, os homes estaban ausentes das súas casas longos períodos de tempo e as mulleres asumían o papel de cabeza de familia e facíano para todo, tamén nas procesións," apunta.

   Aínda que todavía queda moito camiño por andar para que as mulleres acaben asumindo maior protagonismo con cargos nas Confrarías, o historiador Alfredo Martín destaca, precisamente, esa ausencia de conflitos na incorporación progresiva de mulleres a tarefas masculinas como unha singularidade da Semana Santa de Ferrol. "Non se lles abriron as portas de par en par, pero foi algo que non xerou conflito, lonxe de situacións como as que se produciron noutros lugares de España," explica.