O Sergas convocará o próximo ano prazas para cubrir o 50% das xubilacións que marca a nova taxa de reposición

Actualizado: jueves, 23 octubre 2014 15:01

O PSdeG critica que Sanidade "prescinda de golpe da xente máis formada" obrigando a xubilarse "aos "65 anos e un segundo"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado, mostrouse este xoves satisfeita co incremento ata o 50 por cento na taxa de reposición de vacantes en sanidade e confirmou que este departamento convocará o próximo ano as prazas para cubrir estas vacantes ata o novo límite marcado polo Goberno central.

Así o indicou en Comisión parlamentaria en resposta a unha pregunta formulada pola deputada socialista Carme Acuña en relación ás xubilacións forzosas de sanitarios a cumprir 65 anos e os efectos desta circunstancia na asistencia.

Na súa resposta, Margarita Prado asegurou que a actuación do Sergas neste ámbito é de "plena conformidade co ordenamento xurídico vixente", o que evidencia o feito de que non existe "nin unha soa sentenza xudicial que obrigue a reintegrar un profesional xubilado".

As vacantes xeradas por estas xubilacións "son cubertas tendo en conta as necesidades" dos servizos e, ata agora, a taxa de reposición do 10 por cento que marcaba o Goberno.

Non obstante, Margarita Prado recordou a decisión recentemente anunciada polo Goberno central de incrementar en sanidade esta taxa de reposición ata o 50 por cento, algo que o propio Executivo galego "formulara".

Nesta liña, a directora xeral sinalou que as vacantes xeradas nestas situacións son "convocadas na porcentaxe máxima permitida a través de Ofertas Públicas de Empleo. "E este ano -2015- imos convocar o 50 por cento de taxa de reposición, si", sentenciou.

"DETERIORACIÓN" DO SISTEMA

Durante a súa intervención, Carme Acuña asegurou que o ritmo de xubilacións no sistema sanitario galego pode "ocasionar unha grave deterioración" neste servizo, tanto na "calidade" coma na "cantidade" de recursos.

Segundo os cálculos socialistas, entre 2010 e 2015 realizaranse en Galicia máis de 800 xubilacións de profesionais da sanidade, unha situación agravada en 2013 coa entrada en vigor dunha norma que obriga aos sanitarios a unha xubilación forzosa aos "65 anos e un segundo", en lugar de poder acollerse á prolongación de actividade ata os 70 anos como anteriormente.

Para Acuña, con esta decisión o Sergas "prescinde de golpe da xente máis formada, a elite do sistema sanitario" e deixa vacantes que, segundo denunciou, non son cubertas en moitos casos.

Margarita Prado recordou na súa intervención que existen supostos nos que un profesional sanitario pode pedir prolongación da actividade, unha solicitude que, segundo Carme Acuña, se denega "en todos os casos".

O 90% NON O SOLICITA

A directora xeral apuntou, non obstante, que "non é certo que se deneguen" todas as solicitudes, que "se aceptan naqueles servizos que son deficitarios", e sinalou que "máis do 90 por cento dos profesionais xubilados non formularon permanencia" no servizo".

Neste sentido, Prado recordou que son as xerencias as que analizan as necesidades de persoal e apostou por dar "entrada a novos profesionais a formación das cales" é "acorde" cos "novos modelos de xestión", sobre todo naquelas especialidades nas que o número de aspirantes "é maior que o de prazas".