Sindicatos denuncian que "Sanidade intenta boicotear a folga" de farmacéuticos inspectores

Concentración por la huelga de los FISP en Santiago.
SINDICATOS
Actualizado: miércoles, 25 mayo 2016 13:44

As centrais elevan a "case o 100%" o seguimento na cuarta xornada e a consellería sitúao nun 72%

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 May. (EUROPA PRESS) -

Os sindicatos CC.OO., CIG, CSIF e UGT denuncian que a Consellería de "Sanidade intenta boicotear a folga" que, con carácter indefinido mantén o colectivo de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública (FISP), "con ordes ilegais".

Fontes sindicais explicaron a Europa Press que van pedir á Inspección de Traballo unha "reunión urxente" en torno ás "ordes ilegais" que as centrais sindicais aseguran que dan aos servizos mínimos. "Hai que abrir un expediente a Sanidade", reclaman.

Ao respecto os sindicatos recordan que os servizos mínimos "se están a cumprir a pesar de que son abusivos". En concreto, denunciaron que "moven xente dunha zona a outra" e sosteñen que aos mínimos "non lles poden dicir que fagan o traballo ordinario". Por todo iso, consideran que "non se pode boicotear unha folga" con ordes ilegais".

Neste sentido, critican que durante a folga se lles ordene aos FISP realizar controis en augas de praias con bandeiras azuis en detrimento das que non contan co distintivo, o que enmarcan na "campaña publicitaria das banderitas". Ao respecto, consideran que "hai que supervisar as praias que non as teñen, pero dan a orde contraria. Parece un auténtico despropósito", abundan.

MEDIACIÓN

Tras expresar a Consellería de Facenda a disposición de Función Pública a mediar neste conflito, os sindicatos aseguran que a día de hoxe ninguén da Xunta llelo comunicou.

"Seguimos insistindo en que alguén debería intentar mediar", manifestaron, para lamentar que "non houbo comunicación" da Administración autonómica para sentar a negociar co fin de dar resposta ás súas reivindicacións para mellorar o servizo que prestan.

NOVA CONCENTRACIÓN

Baixo o lema 'Por unha saúde pública digna', unhas 37 persoas, segundo datos de convocantes, concentráronse de novo este mércores diante da Consellería de Sanidade en San Lázaro, tras o que se trasladaron ata a Xunta en San Caetano.

Entre os cánticos dos concentrados puidéronse escoitar algúns relativos á petición de mediación neste conflito. Os sindicatos elevan a "case o 100%" o seguimento desta cuarta xornada de folga que manteñen dende o 18 de maio de luns a mércores, mentres que a Consellería de Sanidade sitúa o apoio no 72,22 por cento.