O sur de Pontevedra recupera a normalidade tras os incendios e xa avalía os danos

Incendio forestal este luns na Serra de San Mamede
REMITIDA
Actualizado: martes, 17 octubre 2017 12:57

Satisfacción pola solidariedade entre veciños, pero "tristeza" e "enfado" despois de que dúas mulleres perdesen a vida en Nigrán

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Oct. (EUROPA PRESS) -

O sur de Pontevedra (Nigrán, Baiona, Gondomar, As Neves...) recupera aos poucos a normalidade tras os incendios forestais que azoutaron esta zona da provincia con especial virulencia na tarde-noite do domingo, coas lapas achegándose a vivendas.

Tanto foi así que en varios municipios arderon casas, como é o caso de Nigrán, onde faleceron dúas mulleres atrapadas no interior do seu vehículo cando trataban de fuxir do lume.

A tenente de alcalde desta localidade, Raquel Giráldez, en declaracións a Europa Press, destacou o "enfado" e a "tristeza" dos veciños despois do sucedido.

Cos incendios xa "controlados e sufocados", o balance provisional de danos materiais recolle tres casas incendiadas neste concello, entre tres e cinco vehículos calcinados, ferramentas e animais tamén afectados polo lume.

O Consistorio realizou limpeza de viarias, pero aínda non recibiu ningunha visita por parte de técnicos da Xunta, que, segundo indica Giráldez, terán que encargarse do labor ambiental.

Mentres, o rexedor de Baiona, Ángel Rodal, comentou igualmente en declaracións a Europa Press que este municipio volve a unha relativa normalidade este martes, tras unha xornada de "descanso" o luns, despois do intenso traballo para tentar que as lapas non chegasen ás vivendas. De feito, sinala que nun principio se pensou que tres casas sufriran danos, "pero non".

Agora, estudan o dano ambiental, e tentan evitar males maiores polo arrastre de cinzas á ría. A este respecto, Rodal valora a choiva "moderada" que caeu este luns, posto que se chega a ser "torrencial" tería consecuencias para os bancos marisqueiros.

"A xente está satisfeita do traballo que se fixo, e eu como alcalde sinto moi orgulloso. Axudaron moitísimo, e tivemos medios e ben coordinados. O que pasa é que, ás veces, todo parece pouco", reflexiona, sobre a vaga de incendios vivida.

AXUDAS

En Salvaterra tamén, o primeiro edil, Arturo Grandal, apunta que a situación está xa "acougada", e que os veciños se atopan á espera de posibles liñas de axuda para reporse dos danos sufridos.

De acordo coas súas estimacións iniciais, o que ardeu neste concello foron fundamentalmente galpóns, aínda que tamén "algunha casa deshabitada".