O TSXG desestima o recurso de Pachi Vázquez contra o seu procesamento

Pachi Vázquez sobre Valedor
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 23 abril 2015 22:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación do exsecretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez contra o seu auto de procesamento por un suposto delito de prevaricación continuada en relación coa contratación de persoal entre 1995 e 2005.

   Nun auto, ao que tivo acceso Europa Press, a Sala do Civil e o Penal do alto tribunal galego rebate con 11 argumentos xurídicos a alegación da defensa do deputado socialista, que formulou pospoñer o seu procesamento á espera de que aparecese nova documentación sobre os seus métodos de contratación cando ocupaba a Alcaldía do Carballiño (Ourense).

   Así, o TXSG avala a decisión do maxistrado José Antonio Ballestero, e recordou que o procesamento, no caso dun aforado, é "un simple requisito procesual" para iniciar a investigación a fondo dos indicios delituosos. "Non se determina en modo ningún a culpabilidade do procesado (...), pois non se ten practicado proba que leve a determinar a súa culpabilidade", expón.

   Entrando na argumentación do avogado de Pachi Vázquez e que el mesmo defendeu en público, en relación a que existe documentación no concello que permanece oculto "voluntaria ou involuntariamente" e que esta demostraría que as contratacións seguían o procedemento, recorda que se solicitaron os datos ao concello e que non existen "circunstancias particulares" que fagan pensar que fosen destruídos ou subtraídos.

REPAROS DOS TÉCNICOS

   En cambio, sostén o tribunal, si existen reparos á súa xestión. Trátase dun informe da interventora municipal de 2004 que alerta de altas "non sometidas a fiscalización previa" e de "falta de acreditación de mérito, capacidade e publicidade" nos contratos. "A pesar destes reparos, continuouse coa mesma mecánica de contratación, sen un mínimo expediente", engade.

   De igual forma, cita outro escrito, neste caso do secretario municipal, no que se detalla cal "debería ser o proceso a seguir" na contratación e que este "non se cingue a unha mera solicitude ao INEM para determinar qué persoa é a adecuada para cubrir determinado posto", tal e como figuraba nos papeis achegados por Pachi Vázquez para explicar os seus métodos.

   Ademais, no que atinxe aos documentos achegados polo exlíder socialista para avalar as súas prácticas, para o TSXG "en modo ningún acreditan a realización de proba ningunha de selección" e, ademais, "a maioría deles refírense a contratacións alleas á presente causa", que analiza un total de 37 postos. Por todo, interpreta que os feitos citados "ben puidesen ser constitutivos dun delito de prevaricación administrativa".

DECISIÓN FIRME

   Neste escenario, o TSXG cre que o auto de procesamento do xuíz instrutor contra Pachi Vázquez está "razoablemente fundado".

   Por iso, desestima a petición do letrado do socialista nunha resolución que é "firme" e contra a cal "non cabe recurso".

   Así, a causa aberta contra o anterior xefe de filas do PSdeG segue o seu curso, para investigar se, durante a súa etapa como alcalde do Carballiño, cometeu un delito de prevaricación continuada pola contratación irregular de 37 persoas.