Unha testemuña: "Grazas ao xuíz é que se atopou o Códice, se non queda alí. Non o atopaban máis"

Acusados en el juicio por el robo del Códice Calixtino.
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 27 enero 2015 13:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -

O xuíz instrutor da investigación do roubo do Códice Calixtino, José Antonio Vázquez Taín, xogou un papel clave na localización do documento, ao "insistir" aos policías que participaban no rexistro dun trastero en O Milladoiro que buscasen na caixa na que, minutos despois, aparecería o manuscrito subtraído da Catedral.

"Grazas ao xuíz é que se atopou o Códice, se non queda alí", foron as palabras pronunciadas este martes por María Begoña Bravo nos xulgados de Santiago, onde compareceu como testemuña no proceso que se segue contra José Manuel Fernández Castiñeiras, a súa muller e o seu fillo.

Begoña Bravo, xunto ao seu marido Mauricio García, participaron como testemuñas no rexistro que a Policía realizou nun trastero do Milladoiro, propiedade do principal acusado, no que se atopou o Códice.

Ambos os dous, durante a súa comparecencia este martes ante o tribunal, recordaron como a Policía entrou ao bar que rexenta o seu fillo --anexo ao garaxe onde estaba o trastero-- e lles solicitou que participasen como testemuñas no rexistro.

Neste operativo tomaron parte entre tres e catro policías, recordaron as testemuñas, aínda que non os detidos nin os seus avogados e o xuíz instrutor chegou ao lugar "pouco" antes de localizar o Códice.

UNHAS DÚAS HORAS

Begoña Bravo contou que o rexistro deste trastero durou "unhas dúas horas" e se realizou de forma minuciosa. "Había moita porcallada", contou a testemuña, que enumerou bolsas de cemento, papeis, plásticos e ata unha "cabeza de alce".

Antes de localizar o manuscrito subtraído, os axentes atoparon neste trastero "moitos papeis", algunhas "bandexas" e "algún libro máis" pertencente á Catedral, apuntou Mauricio García.

Foi o xuíz instrutor, non obstante, o que "insistiu", ao chegar ao lugar, en que "mirasen ben no lugar no que apareceu o Códice". "Chegou o xuíz e preguntou '¿que hai nesa caixa?' e dixéronlle 'só cemento', e respondeulles 'sáqueno', narrou Begoña Bravo.

Tras retirar o "cemento", a testemuña recordou como os axentes "sacaron unha bolsa, a romperon e, debaixo dos papeis, saíu o Códice". "Grazas ao xuíz é que se atopou o Códice, se non queda alí. Non o atopaban máis, xa o debajan", sentenciou.

QUINTA XORNADA

Na quinta xornada do xuízo polo roubo do Códice Calixtino declararon tamén varios axentes de Policía que participaron nas dilixencias da investigación, entre eles a policía que actuou como secretaria e número dous do xefe da Brigada de Patrimonio, Antonio Tenorio.

Ademais, narraron brevemente a súa intervención ante o tribunal un axente que participou na inspección do Arquivo da Catedral o día da desaparición do Códice e un policía que recolleu a maleta con diñeiro que se localizou no patio da vivenda do acusado.

Finalmente, tamén declarou a axente que recolleu a cámara de seguridade instalada no despacho do administrador da Catedral, que foi enviada a Madrid, e que tomou parte no rexistro do vehículo de Castiñeiras; e o policía que realizou o envorcado das imaxes das cámaras de seguridade do claustro, que non as visionou.