Unha viguesa enferma de cancro defende ante o xuíz a súa petición de incapacidade permanente

La viguesa enferma de cáncer Beatriz Figueroa acude al juzgado
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 23 octubre 2014 15:44

Critica que "ao amparo da crise" o INSS "non está concedendo" as incapacidades, que a ela lle denegou en tres ocasións

VIGO, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

A viguesa enferma de cancro Beatriz Figueroa, que entregou no Congreso dos Deputados máis de 500.000 sinaturas pedindo mellorar a protección laboral e de Seguridade Social para estes pacientes, defendeu este xoves ante o xuíz a súa petición de que lle sexa concedida a incapacidade permanente.

O xuízo celebrouse este xoves no Xulgado do Social número 2 de Vigo, a raíz dunha demanda que presentou o pasado ano, despois de que o Instituto Nacional da Seguridade Social lle denegara por terceira vez as axudas de incapacidade permanente.

"Imaxinarvos o que é estar 13 meses a esperar unha resolución xudicial cando ti mentres non tes para satisfacer as túas necesidades básicas tendo ademais o problema da enfermidade", recalcou antes da vista en declaracións aos medios, cando acusou a administración de "abusar desta situación".

Na vista declararon dous peritos, representando ás dúas partes implicadas. O primeiro deles foi o médico de cabeceira de Beatriz, que asegurou que está incapacitada física e psicoloxicamente para asumir labores de responsabilidade, xa que presenta un cadro clínico "tremendo", necesita atención domiciliaria para axudala en tarefas físicas diarias e sofre efectos secundarios pola medicación que toma.

Pola súa banda, a perito da Seguridade Social indicou que a viguesa sofre os problemas psíquicos dende hai 20 anos, e se lle reduciu as doses da medicación nos últimos anos, polo que especificou que Beatriz estaría limitada para realizar tarefas con risco de accidentalidade e de altos niveis de responsabilidade.

Beatriz tiña a intención de pedir a incapacidade absoluta, o que supoñía unha prestación equivalente ao 100 por cento da última cotización, co que no seu caso recibiría uns 1.000 euros. Non obstante, a solicitude non foi presentada en tempo e forma, polo que só pediu a incapacidade total, que é igual ao 55 por cento da última cotización, é dicir, uns 550 euros, o que supón 124 euros máis dos que percibe actualmente.

UN XULGADO "NON É O SITIO AXEITADO"

A viguesa criticou en declaracións aos medios que, "ao amparo da crise" o INSS "non está concedendo" as incapacidades. "Non só as non recoñece nas valoracións, senón que denega as reclamacións con cartas tipo, é dicir, que non as está a ter en conta", asegurou.

"Sospeitamos que debe haber unha directiva interna que di que se o enfermo quere reclamar que vaia a sede xudicial", explicou Beatriz, que incidiu en que un xulgado "non é o sitio axeitado" para valorar a incapacidade e as limitacións dun enfermo para traballar e que recoñeceu que posibilidades de que o xuíz o recoñeza a incapacidade "non hai moitas".

Así mesmo, tal e como trasladou, ao pedir a incapacidade permanente non solicita que esta sexa "para toda a vida", posto que "o enfermo non pretende ser un parasito para a sociedade, senón que pretende ter unha protección económica durante o tempo que precisa para curarse e recuperarse".

ANTECEDENTES

En marzo de 2011, a Beatriz Figueroa diagnosticáronlle cancro de mama despois de perder o seu traballo e cotizar durante máis de 20 anos. Ademais, padece outras afeccións como fibromialgia, depresión crónica dende a infancia, trastornos da personalidade e audición limitada nun oído.

A viguesa foi intervida en catro ocasións, as dúas últimas en febreiro do 2014 e dende hai tres anos só percibe 426 euros, cos que debe facer fronte ao 40 por cento dos gastos das súas medicinas, en virtude do novo copagamento.

Tras unha folga de fame que tivo que abandonar por o seu precario estado de saúde, decidiu iniciar a súa petición 'online' a través da plataforma 'Change.org', na que acumulou máis de 500.000 sinaturas de apoio á súa iniciativa.

Con estas sinaturas, o BNG presentou a principios de outubro no Congreso unha proposición de lei para reclamar o recoñecemento da incapacidade permanente, unha vez esgotado o prazo máximo de duración da incapacidade temporal, a toda persoa diagnosticada dun carcinoma ou con risco de recidiva, non obstante, o PP rexeitou tomala en consideración.