Uns 40.000 menores de 19 anos realizaron 1,6 millóns de viaxes de balde en bus co cartón 'Xente Nova'

A conselleira Ethel Vázquez coa directora da Amtega, Mar Pereira
XUNTA
Actualizado: viernes, 22 septiembre 2017 15:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

Case 40.000 menores de 19 anos realizaron 1,6 millóns de viaxes gratuítas no transporte metropolitano interurbano no último exercicio co cartón 'Xente Nova'. En concreto, con este dispositivo posto en marcha pola Xunta, os mozos galegos poden realizar sen custo ata un máximo de 60 viaxes ao mes.

Diso informou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, nunha rolda de prensa na que deu a coñecer unha nova aplicación para mellorar a utilización do Plan de Transporte Metropolitano. No acto, tamén participou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

Na comparecencia ante os medios, a conselleira concretou que o Executivo autonómico investiu 1,5 millóns de euros para ofrecer transporte público gratuíto aos máis novos. "Un de cada sete viaxes metropolitanos pagos con cartón foron de mozos e de forma gratuíta", manifestou.

Segundo indicou, A Coruña é a área metropolitana con maior número de beneficiarios, xa que, nesta zona, distribuíronse máis de 14.000 cartóns. Séguelle Vigo, que é o concello galego con máis titulares do dispositivo, con 4.200.

Estes datos, segundo destacou Ethel Vázquez, "reflicten que esta iniciativa social, educativa e de concienciación funciona e esperta o interese das familias e da mocidade de Galicia". Así, funciona nas áreas da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Vigo, e a previsión da Xunta é que se estenda proximamente a Ourense e Pontevedra.

APLICACIÓN MÓBIL

Ethel Vázquez e Mar Pereira deron a coñecer este venres unha nova aplicación para dispositivos móbiles que, segundo indicaron, "reporta novas vantaxes aos usuarios" do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.

Así, favorece, ante todo, a aqueles usuarios que teñen dereito a bonificacións, xa sexan sociais, para familias numerosas, para usuarios habituais ou titulares do cartón 'Xente Nova'.

Segundo indicou Mar Pereira, esta aplicación xa está dispoñible para os sistemas operativos IOS e Android. A 'app' mostra en orde cronolóxica os reembolsos pendentes de cobro por cartón e a data límite para cobralos. Ademais, o usuario recibirá notificacións de novas recargas e da súa caducidade.

Este sistema tamén permite facer suxestións a través dun formulario no que trasladar calquera proposta, recomendación ou mellora por parte dos usuarios.