UU AA ameaza con levar á xustiza presións produtores e denuncia reunións de Quintana coa industria

Roberto García, secretario xeral de UU.AA.
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 28 noviembre 2014 14:01

Advirten de que se mobilizarán se non se asina o paquete lácteo este ano e piden que se regule a figura de mediador

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, advertiu de que o sindicato estudará a posibilidade de levar á xustiza para pedir responsabilidades legais polas cartas que, segundo denunciou, se están a enviar aos produtores de leite co requisito de regular a produción so ameaza de multa.

A documentación achegada, segundo explicou en rolda de prensa, tamén foi posta en coñecemento da Administración autonómica. "Denunciámolo ante a Xunta e a AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios)", asegurou Roberto García, quen explicou que pretenden "quitarlle o diñeiro aos gandeiros".

Neste sentido, e aínda que non puido precisar contra quen ou qué organismo se podería a denuncia, considerou que ao non haber unha actuación para parar esta cuestión, as administracións son "cómplices necesarios" desta práctica. Nos documentos achegados figuran cartas de Lactalis e Leite Río.

Así mesmo, Roberto García indicou que os gandeiros saben "de qué lado está a administración", singularmente a galega, toda vez que, dixo, malia que solicitaron reunións co presidente da Xunta e a conselleira, non lles recibiron.

Non obstante, denunciou, si se manteñen "reunións secretas" coa industria e, ao respecto, referiu a existencia dunha da conselleira "reuniuse o pasado mércores" con representantes da industria.

PETICIÓNS DO SECTOR

O representante de UU.AA. advirte de que emprenderán mobilizacións se antes do 15 de decembro non contan co paquete lácteo, é dicir, a regulación onde se establecen as condicións de contratación entre os produtores de leite e as organizacións interprofesionais.

A partir de abril de 2015, desaparecerán as cotas lácteas, o que liberalizará o sector, o que, á súa vez, deixa sen garantías de prezo aos produtores, indicou Roberto García.

Neste contexto, UU.AA. esixe que se establezan garantías de "solvencia" e "recollida do leite", e que os contratos que se fagan cos produtores sexan de longa duración, para garantir a recollida deste produto.

Ademais, o sindicato reclama que se regule a figura do mediador, que se fai "indispensable" para evitar que a industria poida negociar á baixa cos produtores, xa que, advertiu, os pequenos gandeiros son os que se verán prexudicados.

Así mesmo, o sindicato sinalou que impulsará que se debatan mocións aos concellos co fin de que o PP se pronuncie, despois de que no Parlamento e nas deputacións rexeitara as iniciativas que levaron neste sentido. UU.AA. utilizará esta vía sobre a base de que é a administración máis próxima aos cidadáns e, neste sentido, aos propios gandeiros.

Actualmente hai no sector 10.000 gandeiros que producen 2,4 millóns de toneladas ao ano. Coa desaparición das cotas, García indicou que se podería perder o 30 por cento da produción actual.