UU.AA. lanza un SOS para que Galicia lidere a reforma do paquete lácteo

Reunión de Unións Agrarias con los cuatro grupos parlamentarios
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 31 octubre 2014 19:55

Destaca que a norma debe aprobarse antes de que remate o ano, incluír a figura do mediador pero non de forma voluntaria e garantir a recollida

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, reuniuse este venres cos voceiros de agricultura das catro forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia para lanzarlles un "SOS": "ou Galicia lidera a reforma do paquete lácteo, ou estamos mortos", aseverou.

   Así de rotundo mostrouse en declaracións aos medios de comunicación antes de iniciar a reunión, na que trasladou a PPdeG, PSdeG, AGE e BNG -- os deputados Isabel García Pacín, Pablo García, Antón Sánchez e Tereixa Paz, respectivamente-- que o borrador da reforma que lles trasladou este xoves o Ministerio de Agricultura adoece ao seu xuízo de tres carencias.

   En primeiro lugar, apuntou, o Goberno central manexa principios do ano que vén como prazo para a aprobación do decreto, o que, a entender de García, sería tarde. "Ten que estar en vigor antes de que rematen os actuais contratos, o 31 de decembro; se non, as industrias formularán aos gandeiros outros tres meses de contrato e chegaremos á primavera coincidindo coa campaña de baixos prezos e moita produción, o que xeraría unha situación realmente grave", advertiu.

   En segundo termo, segundo apuntou García, o departamento que dirixe Isabel García Tejerina introduce no cambio normativo a figura do mediador entre industrias e gandeiros, pero faino de forma "voluntaria", o que para Unións Agrarias "non serve".

   "A industria segue tendo o peso na sinatura dos contratos, polo que parece imprescindible a inclusión da figura do mediador", subliñou a este respecto.

   E en terceiro posto, e o máis relevante, o líder sindical situou o feito de que ao "problema" do valor do leite en orixe "se vai engadir" un novo a partir do próximo marzo, coa desaparición do sistema de cotas, que regulaba a cantidade de produción en cada estado membro.

"A RECOLLIDA DO LEITE NON ESTÁ GARANTIDA"

   Dende entón, segundo avisa UU.AA., a garantía de recollida do leite non está asegurada, co conseguinte prexuízo que isto pode ocasionar sobre explotacións que, malia ser competitivas, se atopan en zonas afastadas dos circuítos das industrias, como o interior da provincia de Ourense.

   Roberto García ilustrou este panorama ao apuntar que "cada gandeiro poderá producir o que queira, pero cada industria tamén", e estas últimas segundo entende "van ser conservadoras, porque non van saber as súas vendas a futuro, co que moitos gandeiros se van atopar ou ben cun dobre prezo --un razoable e outro a expensas de como vaia o mercado-- ou ben algo máis grave: sen ter garantida a recollida do leite".

   Explicou que o resto de comunidades autónomas non teñen o problema do volume, de aí que a organización que representa, a que constituíu unha organización de produtores lácteos (OPL) en Galicia que aglutina un amplo volume de leite, pide que sexa o Goberno galego o que "lidere" esta negociación "neste momento", ou "chegarase tarde".

   A xeito de resumo, subliñou que este debe ser "un problema de país e non de sector", polo que instou o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "non mirar para outro lado". "Porque ata agora tiñamos garantida a recollida do leite, pero agora non a imos ter", finalizou.