Vence (BNG) ve o lustro de Feijóo como "os cinco peores anos da autonomía" cun Goberno que solo "recorta"

Xavier Vence
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 17 abril 2014 14:31

Alerta de que Galicia vive "o peor período de autogoberno" porque o presidente "colabora" co proceso de "recentralización" de España

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, resume o lustro que transcorreu dende que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tomou posesión do seu cargo como "os cinco peores anos da autonomía" marcados pola xestión dun Goberno "inxenuo" que, ao seu entender, solo imprime "espírito creativo" á hora de "recortar".

En declaracións a Europa Press, Vence destacou que nos seus anos de Goberno "non houbo ningún proxecto relevante para dinamizar a economía" no país nin para "desenvolver" sectores estratéxicos para a Comunidade como son a agricultura, a pesca ou a construción naval. Igualmente, afeou a Feijóo que "non soubo defender o sistema financeiro galego".

Á marxe do acontecido con NCG Banco e o seu final "en mans foráneas", o voceiro nacionalista tamén advertiu do aumento do desemprego antes de constatar que "90.000 fogares teñen todos os seus membros en paro" e que, como consecuencia da "parálise" derivada da crise, 6.000 menores de 30 anos marcharon nestes cinco anos".

"É un balance desvastador dende un punto de vista económico e social", constatou, antes de subliñar que Galicia tamén vive "o peor período" para o autogoberno. E é que, ao seu xuízo, Feijóo "acepta e colabora silenciosamente" con todo o proceso de "recentralización" en España.

"Non é capaz de defender os intereses de Galicia nin a dignidade das institucións do país", lamentou, antes de cualificar o presidente galego de "político mercenario" disposto a "facer calquera cousa para agradar aos que teñen o poder e a tixola polo mango para obter beneficio propio".

"PROPAGANDA MENTIREIRA"

Xavier Vence tamén reprobou que, como fórmula para responder ás esixencias da oposición, Feijóo opte pola "propaganda mentireira" e acusoulle de "envilecer a vida política". Así, considerou que resulta "imposible" entaboar "un diálogo".

O voceiro nacional do BNG tamén cargou contra a "falsa austeridade" que propugna o presidente galego e esgrimiu que "recorta en servizos públicos" pero gasta "en cousas inútiles e prescindibles".

"Non hai unha política de austeridade que aplique ás súas empresas amigas; para dar traballo ás construtoras amigas mantén en marcha proxectos de moi discutible utilidade social, obras carísimas contra as que protestan os veciños,", advertiu, antes de exemplificar co túnel de Fontán, en Sada, ou a variante de Portosín.