Freixanes, presidente da RAG, compañado do pleno
RAG
Actualizado: martes, 28 marzo 2017 22:31

Pide a colaboración do sector crítico e di que a súa "obsesión" será implicar aos mozos no uso do galego

A CORUÑA/SANTIAGO, 28 Mar. (EUROPA PRESS) -

O escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes foi elixido novo presidente da Real Academia Galega (RAG). O exdirector da Editorial Galaxia recibiu o apoio de 18 dos 19 académicos presentes nunha sesión plenaria marcada pola cita electoral, á que se presentou unha única candidatura.

O equipo que acompañará a Freixanes contará con Henrique Monteagudo (secretario); Andrés Torres Queiruga (vicesecretario); Marilar Aleixandre (tesoureira) e Fina Casalderrey (bibliotecaria e responsable do Arquivo).

Dos 28 académicos con dereito a voto, tres escusaron a súa asistencia e outro seis ausentáronse pola súa discrepancia sobre o proceso electoral, ao entender que a candidatura de Freixanes afonda na "división" no seo da RAG.

Este grupo de académicos críticos anunciou a súa intención a través dunha carta asinada por Manuel González, un dos académicos que soaba como candidato a presidir a RAG co apoio do sector crítico coa actual directiva e que xa se postulou xunto a Xesús Alonso Montero no proceso de 2013.

Sobre esta protesta, Freixanes fixo un chamamento para que estes académicos se unan "ao esforzo" de facer que a Academia mire "ao futuro". "Porque o camiño o temos que facer xuntos", sentenciou.

Así, insistiu na necesidade de traballar para crear "o maior clima de consenso". "Facer o cesto o máis sólido posible", destacou.

A pesar diso, comprendeu a pervivencia de "posicións distintas" sobre a situación da institución académica e achacou as discrepancias como parte da "democracia".

"Fixen o máximo posible", asegurou recoñecendo que a situación non é a "ideal" no seo da institución. A pesar diso, apelou aos críticos a traballar "xuntos", tanto no seo da entidade, como coas demais institucións e "a sociedade civil". "Coñecémonos todos, non falamos de eleccións á Casa Branca", engadiu.

CHEGAR Á SOCIEDADE

Freixanes avanzou que será "continuista" respecto da xestión emprendida polo seu antecesor Xesús Alonso Montero, destacando o catro anos de "intenso traballo" que protagonizou o equipo saínte.

O obxectivo inmediato do novo equipo será traballar na celebración do Día das Letras Galegas. Con todo, Freixanes xa avanzou algunhas das súas propostas irán encamiñadas á promoción e uso do galego, "creando dinámicas novas para chegar á sociedade, aos mozos e ás familias".

O novo presidente apostou por crear "espazos de entendemento" para saber "explotar" a "vida" que teñen "a lingua e a literatura galega". Nesta meta, a súa "principal obsesión" será "implicar á xente nova".

Para lograr que o galego estea "máis activo", impulsaranse novas estratexias de comunicación para visualizar "a estima social" do idioma e do traballo que desenvolve a RAG, ademais da publicación dunha nova normativa sobre a gramática da institución académica.

Xunto a iso, fixou como obxectivo a atención ao galego no exterior e a captación de recursos para garantir a actividade da institución "os 365 días do ano".

Freixanes tamén tivo palabras para encomiar o "traballo magnífico" do equipo saínte da Academia, lembrando que "esta corporación traballa gratis" e de forma desinteresada, garantindo que o novo equipo entregarase "en corpo e alma a esta institución".