Villares acepta o diálogo con Compostela Aberta pero rexeita "mesas de notables" restrinxidas á participación

Escola de Verán de En Marea en Pontevedra
EN MAREA
Publicado: sábado, 21 julio 2018 14:51

   A dirección do partido instrumental manterá un encontro "bilateral" con CA para estudar a súa proposta

   PONTEVEDRA, 21 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O portavoz de En Marea, Luís Villares, mostrouse receptivo a manter "todo" o diálogo co resto de forzas e mareas que conforman o espazo político como plantexa Compostela Aberta. Con todo, advirte que non aceptarán que as "aristocracias" políticas "tutelen" as decisións do proxecto ás costas das "persoas inscritas".

   "Volver a mesas onde as persoas inscritas non saiban de que se está falando e que tutelen procesos que xa son democráticos, non o podemos aceptar", incidiu Villares, que saúda o ofrecemento ao diálogo realizado pola formación que lidera o rexedor compostelán, Martiño Noriega, pero rexeita "mesas de notables que restrinxan a participación, de costas aos inscritos".

   Con motivo da Escola de Verán Unitaria organizada en Pontevedra por En Marea, Luís Villares reivindicou o partido instrumental como un "espazo político plural, aberto e participativo, onde cabe todo o mundo", por contraposición ao que cualificou como "aristocracias políticas que poidan decidir polos demais".

"ENCONTRO BILATERAL"

   Deste xeito, segundo confirmou o portavoz da coordinadora, Gonzalo Rodríguez, en declaracións aos medios tamén en Pontevedra, a dirección de En Marea manterá un encontro "bilateral" con Compostela Aberta para abordar a súa proposición, orientada a reconfigurar o espazo político.

   A marea compostelá propón adiantar as eleccións ao Consello das Mareas ao mes de setembro --terían que celebrarse en xaneiro-- e articular unha "mesa da confluencia" na que están chamados a participar, ademais da dirección da propia En Marea, os partidos que formaron a primeira coalición --EU, Anova e Podemos-- e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol.

   Segundo indicou o pasado venres o alcalde compostelán, Martiño Noriega; a intención de Compostela Aberta é que a "mesa da confluencia" se reúna antes de que remate o mes de xullo. Antes terá lugar ese encontro entre a dirección do partido instrumental e a marea santiaguesa, para a que tampouco hai data fixada aínda.

VILLARES CRITICA OS "FOROS HERMÉTICOS"

   "Avanzamos nestes dous anos na constitución dun espazo unitario", explicou o portavoz de En Marea, quen puxo estas xornadas como unha "boa mostra" de "como deberían ser todas as mesas de traballo, nin pechadas nin restrinxidas a unha aristocracia política ou uns notables", insistiu, descartando foros "herméticos onde non haxa luz nin taquígrafos".

    "Pode vir calquera, sexa de En Marea ou non, a participar e a debater, e de aquí sacaremos conclusións para a nosa acción política", argumentou que "este é o tipo de traballo" propugnado desde En Marea "como verdadeiro espazo de confluencia".

ESPAZO COOPERATIVO

   Luís Villares referiuse a En Marea como un "espazo cooperativo" formado polas mareas municipalistas e cuxos integrantes son "libres, iguais e fraternos". Neste sentido, o seu portavoz defendeu un discurso enfocado a ir "construíndo, pinga a pinga ese mar, e sumando esforzos".

   Para Villares, "a agregación de persoas e colectivos dá lugar á perda de pureza ideolóxica", aínda que favorece "a maior transversalidade política e social", apostando por este modelo como "a fórmula máis apropiada para chegar ás maiorías sociais".

PROGRAMA

   Como antesala dos actos programados por En Marea de cara ao Día da Patria, o 25 de xullo, esta Escola Unitaria de Verán aborda aspectos relacionados co urbanismo, a cultura, o desenvolvemento económico e o marco europeo. Baixo a lema 'Dereito á esperanza', unha das mesas de traballo reúne á socialista María Xosé Porteiro, a nacionalista Tereixa Novo e Marilar Aleixandre, inscrita en En Marea.

   Así, após a moción de censura e o cambio de Goberno Central que, segundo Villares, xerou "un momento de alegría social e alivio por sacar ao PP do poder", o portavoz de En Marea apostou polo encontro "coas demais forzas políticas" para "fomentar o debate e que a sociedade vexa que é posible unha alternativa integral en Galicia ao PP".

   A última sesión destas xornadas está reservada a "reflexionar" sobre a situación actual de En Marea e como enfocar o "espazo do futuro", adiantou Villares. Das conclusións da Escola Unitaria sairá tamén a decisión sobre a periodicidade coa que se celebrará e da posibilidade de "rotar por toda Galicia como escola de verán e de inverno".

   A escola de verán que contará coa participación do referente nacionalista Xosé Manuel Beiras, que intervirá pola tarde. Quen non estará será Antón Sánchez, portavoz de Anova, que declinou formalmente a invitación a acudir efectuada pola dirección.