Actualizado: miércoles, 26 octubre 2016 19:44

Destaca a "transparencia" da súa solicitude e asegura que a formación é aínda "embrionaria" e é necesario desenvolvela en "tódalas bisbarras"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Oct. (EUROPA PRESS) -

O voceiro de En Marea, Luís Villares, asegurou este mércores que a súa petición á coordinadora provisional da formación dunha compensación económica e persoal de apoio obedece á necesidade de seguir tecendo por "tódalas bisbarras" de Galicia unha organización que é aínda "embrionaria" e o contrapuxo ao "privilexio de ter medios sen pedilos e sen explicar por que se necesitan", algo que atribúe á "vella política".

En resposta a preguntas dos medios durante a súa participación nunha convocatoria contra a LOMCE, Luís Villares recordou que En Marea, "como suxeito político, está empezando aínda a andar". "Estamos nunha forma embrionaria como organización política", dixo Villares, que apostou por aproveitar esta fase para determinar en qué forma se asignan os recursos en función das necesidades.

"Temos toda unha organización por desenvolver", advertiu o voceiro parlamentario que, baseándose no "proxecto político participativo a nivel de todo o país", puxo de relevancia a necesidade de "irse movendo por todas as bisbarras". "Para iso é necesario establecer uns medios", resumiu.

Nesta liña, defendeu que o "debate" que se está a dar en En Marea neste ámbito é "completamente transparente" e busca "poñer enriba da mesa cáles son as necesidades e de que forma pódense cubrir de forma eficaz".

UNHA SITUACIÓN "CONCRETA"

Do mesmo modo, resaltou a súa situación "concreta", por a que dende que chegou á política tivo que deixar as súas funcións" e pedir a "excedencia", "algo que non aconteceu co resto de cargos representativos, que puideron manter os seus postos de traballo ata que foron elixidos como representantes públicos".

"Esa é a diferenza que xustifica unha cousa e outra", dixo o voceiro de En Marea, que destacou, non obstante, que o seu escrito facía unicamente "unha proposta".

Villares considerou que esta petición non colisionar coa "ética" de En Marea e rexeitou que poida vincularse a xestos de "vella política". "O que é vella política é utilizar recursos e non explicar de onde veñen eses recursos, o que é vella política é financiarse ilegalmente, o que é vella política é non explicar de onde veñen eses fondos e como se organizan", indicou.

Finalmente, apuntou que En Marea está "establecendo unha carta financeira" que determinará este tipo de cuestións. "En canto o teñamos aprobado, farémolo público", concluíu.

Más noticias