FERROL, 14 Nov. (EUROPA PRESS) -
O Xulgado do Penal número 2 de Ferrol suspendeu a vista oral do xuízo contra nove mariscadores acusados de delitos de desobediencia e coaccións por bloquear a ría e impedir a entrada dos gaseros que se dirixían á planta de gas de Reganosa en Mugardos. A suspensión do xuízo foi provocada pola incomparecencia do ex patrón maior da Confraría de Ferrol, Bernardo Bastida, que se atopaba nun centro hospitalario por unha urxencia médica.
O xuízo quedou aprazado ata os días 26 e 30 de xaneiro, debido a que non se pode celebrar sen que estea presente Bastida, para o que o Fiscal pide a maior pena de todos os acusados. Impútalle un delito de desobediencia grave e un delito de coaccións polos que lle pide unha pena de 3 anos e cinco meses de prisión, repartidos en once meses de prisión e dous anos e seis meses, respectivamente.
Os feitos que se xulgan producíronse no marco das protestas cidadás e de pescadores en contra do inicio da actividade de Reganosa no ano 2007.
Neste contexto, o escrito do Fiscal relata varias accións. A primeira tivo lugar ás 6.30 horas do 7 de maio, cando estaba prevista a entrada do buque gasero 'Galicia Spirit'. Nese momento, numerosas embarcacións concentráronse ante o buque e realizaron diferentes manobras co que o gasero tivo que abortar a súa entrada.
Sobre as 19.00 horas do mesmo día, repetíronse as accións dos mariscadores, que levaron as súas embarcacións cara á canle de navegación, e "desobedeceron a instrución ditada polo Capitán Marítimo de Ferrol e as ordes da Garda Civil", segundo sinala o escrito do Fiscal, co que se volveu paralizar a entrada do 'Galicia Spirit'.
Dous días despois, o 9 de maio, varios mariscadores saltáronse o cordón policial no porto de Ferrol que se establecera para impedir que accedesen ás súas barcas para impedir a entrada do buque.
Malia as accións dos mariscadores, finalmente accedeu a Reganosa. A seguinte acción relatada produciuse o 29 de maio, ante a previsión de chegada do 'Mourad Didouche'. O seu acceso foi de novo abortado polas lanchas dos pescadores. Por esta causa, Bernardo Bastida estivera en prisión provisional dende o 30 de maio ata o 15 de xuño.
TAMÉN ACUSADO O ACTUAL PATRÓN MAIOR
Entre os acusados, figura tamén o actual patrón maior da Confraría, José Luis Estévez, para o que o fiscal pide un ano e oito meses de prisión, ao igual que para outros cinco mariscadores. Para os outros dous acusados a pena incrementaríase a dous anos e catro meses de prisión.
Ao xuízo, ao que acudiron todos os acusados, están chamados a declarar sete axentes da Garda Civil, un axente da Policía nacional e dúas testemuñas máis. Así mesmo, o Fiscal pediu que no día da celebración do xuízo oral se reproduzan gravacións de CD e DVD sobre os feitos acontecidos.
O xuízo quedou suspendido para os días 26 e 30 de xaneiro, debido a que non se pode celebrar sen a presenza de Bernardo Bastida, do que se confirmou que a súa ausencia se debía a cuestións médicas.
Os mariscadores recibiron o apoio dos membros do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, que encabezara as protestas en contra da entrada en funcionamento de Reganosa, que se considera "ilegal e perigosa" por estar situada no municipio de Mugardos, no interior da ría de Ferrol, ademais de prexudicial para o medio.
José Luis Estévez asegurou que contra quen se deberían dirixir as accións xudiciais era contra os membros do comité, por ser "os primeiros que saíron ao mar e impulsaron as protestas". En torno a medio centenar de cidadáns e membros da entidade pediran autoinculparse no xuízo, pero non se aceptaran as autoinculpacions.
Pola súa banda, os membros do comité censuraron que a acusación do Ministerio Fiscal se dirixa contra 9 mariscadores malia que nas protestas participaran varios centenares de persoas e as mobilizacións foran convocadas pola asociación.