O xulgado deixa sen efecto a detención da nai de bebé morto en Santiago

Actualizado: viernes, 4 septiembre 2015 15:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Sep. (EUROPA PRESS) -

   A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López Suevos, emitiu un auto no que deixa sen efecto a detención da nai do bebé morto o pasado luns nun hotel de Santiago á espera de que o seu estado de saúde lle permita declarar.

   Segundo confirmaron a Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza emitiu este xoves o auto que deixa en liberdade á nai ao transcorrer 72 horas dende a súa detención e dado que aínda non está "en circunstancias de pasar a disposición xudicial".

   A muller, á que se lle imputa o homicidio da súa filla de seis meses, permanece ingresada na unidade de agudos de psiquiatría do Hospital Gil Casares, en Santiago, dende o luns, tras a morte da menor. Foi trasladada por unha ambulancia ao centro hospitalario en estado de shock e alegando que non recordaba o sucedido no cuarto do hotel no que morreu a súa filla.

   Dende ese día, a xuíza instrutora espera poder tomar declaración á muller, pero o seu estado psiquiátrico impediuno, polo que, pasado o tempo máximo de detención, esta medida deixouse sen efecto ata que os médicos determinen que pode pasar a disposición xudicial. A maxistrada tamén instou o hospital a avisar con antelación da posibilidade de que a muller reciba a alta, para tomar as medidas oportunas de cara á súa detención.

   Fontes da investigación confirmaron a Europa Press que, a pesar da posta en liberdade da muller --da que existen "indicios de importancia" sobre a súa participación na morte do bebé--, a investigación "segue en marcha" con outros informes relacionados coa morte mentres a nai da nena recupera as "condicións necesarias" para prestar declaración.

   A morte da nena produciuse na tarde do pasado luns, cando a menor se atopaba soa coa súa nai na habituación dun hotel de Santiago, ao que acudira xunto á súa parella para participar nun congreso gnóstico. O pai, que discutira coa muller, atopábase nese momento na Catedral de Santiago. Segundo confirmou a autopsia, realizada polo Imelga, a nena morreu de forma "non accidental" a causa dunha "asfixia mecánica".