Xunta e CTAG colaborarán con Citroën para o desenvolvemento de vehículos intelixentes

Actualizado: jueves, 18 septiembre 2014 18:54

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Sep. (EUROPA PRESS) -

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), colaborarán con PSA Peugeot Citroën unha unidade de investigación na comunidade no ámbito da condución autónoma.

Cunha inversión de máis de 4 millóns de euros, o proxecto centrarase no desenvolvemento de novas interfaces entre o condutor e o seu vehículo, apoiándose en probas de realidade virtual e a integración da realidade aumentada, condición indispensable para a introdución no mercado de vehículos autónomos e conectados.

Feijóo explicou que o CTAG achegará especialistas nesta materia, laboratorios, o simulador do que dispón e a pista de probas. A estes medios sumarase a experiencia profesional de enxeñeiros da fábrica viguesa de PSA Peugeot Citroën, mentres que a Xunta achegará os recursos tecnolóxicos da Axencia Galega de Innovación.

Feijóo resaltou a importancia desta iniciativa, que permitirá á comunidade dotarse dun polo tecnolóxico "de referencia" nun sector estratéxico como o da automoción, que suma máis de 100 empresas e achega o 14 por cento do PIB da comunidade, ademais de seguir "poñendo en valor" os centros tecnolóxicos galegos.

Tamén resaltou que con este proxecto se dá continuidade á aposta da Xunta pola innovación nun dobre sentido: innovación no sector da automoción --no que o Goberno galego investiu 600 millóns dende 2009--; e innovación da economía.