Xunta destinará 300.000 euros a axudas de rehabilitación en municipios adheridos ao Programa de Vivendas Baleiras

Publicado: miércoles, 24 mayo 2017 17:43

Mato reitera as inspeccións realizadas polo seu departamento a Ence non detectaron o incumprimento de ningún indicador

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta destinará nos próximos días 300.000 euros a axudas do Programa Realuga para propietarios situados nos Concellos adheridos ao Programa de Vivendas Baleiras da Administración autonómica.

A titular de Vivenda fixo este anuncio en resposta a unha pregunta formulada polo deputado popular Jaime Castiñeiras durante a sesión plenaria deste mércores, onde explicou que a axuda cubrirá o "100%" do importe do gasto realizado ata un máximo de 4.000 euros se é nun edificio de vivendas e de 5.000 se se trata dunha vivenda unifamiliar.

"A cambio" desta subvención, segundo precisou a conselleira, os propietarios porán a disposición do Programa de Vivendas Baleiras da Administración autonómica o inmoble durante un período de tres anos.

Do total de 300.000 euros que contempla esta orde, un total de 200.000 serán para propietarios particulares mentres que 100.000 euros destinaranse aos concellos que están adheridos a este programa da Xunta.

SITUACIÓN DE ENCE NA RÍA DE PONTEVEDRA

Por outra banda, na sesión plenaria, o parlamentario nacionalista Luís Bará denunciou un "trato de favor" dos gobernos do Partido Popular a "os complexos contaminantes de Ence-Elnosa durante a formulación dunha pregunta á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sobre a continuidade da fábrica de Ence na Ría de Pontevedra.

Na súa resposta, a titular de Medio Ambiente asegurou que "desde o Goberno da Xunta non se fai ningún trato de favor" senón que "se cumpre coa lexislación vixente". Así, lembrou que o traslado estaba previsto para 2018 como contemplaba a normativa galega pero explicou que a estatal prevalece e autoriza a prórroga da concesión.

"A lei cambiou en 2013 e unha vez que hai unha lei, fágaa quen a faga, calquera de nós estamos obrigados a cumprila", sinalou a conselleira, que incidiu en que a ampliación da concesión a Ence é unha competencia "exclusiva" do Ministerio de Medio Ambiente.

Ademais, lembrou que a Xunta realiza inspeccións periódicas á factoría de Lourizán. "En ningún dos indicadores están a incumprir a lei", sinalou para destacar tamén que o pacto ambiental "froito da presión" exercida polo Goberno galego á empresa permitiu que esta destine 200 millóns de euros a Galicia para accións de carácter ambiental, industrial e social.