Xunta e sindicatos retoman este luns as negociacións para parar a folga indefinida na xustiza

Protesta funcionarios justicia
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: domingo, 18 marzo 2018 11:23

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Mar. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta e os sindicatos que integran o comité de folga da xustiza volverán reunirse este luns, día 19 de marzo, para intentar chegar a un acordo que permita parar a folga indefinida convocada desde o pasado día 7 de febreiro.

   O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, trasladou o pasado xoves ás organizacións a convocatoria deste encontro, que terá lugar ás 11,00 horas no complexo administrativo de San Caetano.

   O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que á reunión volverán acudir por parte do Goberno galego a secretaria xeral técnica da Vicepresidencia, Beatriz Cuíña; o director xeral de Función Pública, José María Barreiro; e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín. Eles serán os encargados de negociar co comité de folga, no que están integrados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UGT, STAJ, CSIF, CIG, e CC.OO.

   Distintas organizacións sindicais con representación neste comité de folga confimaron a Europa Press que irán a esta nova convocatoria coa vontade de "avanzar" cara a unha saída do conflito. Pola súa banda, o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza chamou aos sindictos a "negociar con responsabilidade" para alcanzar un punto común.

POSTURAS AFASTADAS

   A última negociación entre a Xunta e os sindicatos tivo lugar o venres 9 de marzo e finalizou sen acordo tras unha intensa xornada de negociacións, na que o Executivo autonómico chegou a facer ata tres ofertas ao longo do día. Así, deixou sobre a mesa unha que se concreta nunha subida de 105 euros ao mes para todos os corpos --xestores, tramitadores e auxilios--.

   Este dato supón un aumento de arredor do 5% sobre o total dos emolumentos dos empregados públicos que, sumada á subida pactada en Madrid, situaría o incremento no 13%. Ademais, o Goberno galego tamén accedeu á demanda dos sindicatos de que parte do incremento empece a percibirse neste 2018. A cuantía total da subida, en todo caso, completaríase en tres anualidades.

   A Xunta defende que con estes 105 euros máis ao mes que ofrece cumpre co mandato parlamentario e os funcionarios da xustiza quedarían na táboa salarial de comunidades "por encima da media" tanto se se ten en conta as 17 autonomías como defende o Goberno galego ou, segundo o criterio sindical, as 12 coa competencia trasferida e o 'territorio Ministerio'.

   Con todo, o comité rexeitou por insuficiente esta formulación e presentou unha contraoferta. Ademais, tras rebaixar a súa pretensión inicial, esixen 190 euros máis ao mes, unha cifra que aínda está moi lonxe da proposta da Xunta.

   Á marxe da cuestión retributiva, o paro que se prolonga xa máis dun mes, naceu motivado por outras catro reivindicacións: a "discriminación" nas baixas por incapacidade temporal (IT), o pago da cobertura de postos de responsabilidade superior, a consolidación de emprego e as amortizaciones.

   Destes catro puntos, o das IT quedou resolto a finais da semana pasada debido á negociación en Madrid que elimina os descontos neste tipo de baixas para todos os empregados públicos. Nos apartados restantes, o Goberno galego sostén que hai acordo e os sindicatos defenden que quedan flecos pendentes.