Méndez Romeu insta a Encarna Otero a que presente a súa dimisión ou renuncie formalmente a "beneficios persoais"

Actualizado: viernes, 3 agosto 2007 15:44

VIGO, 3 Ago. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, instou hoxe a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, a que presente a súa dimisión ou que renuncie formalmente aos beneficios persoais que lle reportaría a nova Lei de Función Pública que ela criticou.

En declaracións aos medios antes da inauguración dunha exposición en Vigo, o conselleiro cualificou de "extemporáneas" as manifestacións de Otero, nas que chamaba á "desobediencia política" e ao "non acatamento dunha das disposicións da reforma da devandita lei. Así, a directora xeral mostrouse contraria á decisión de que os altos cargos da Administración galega sigan cobrando plus aínda despois de deixar eses cargos.

Méndez Romeu afirmou que "en calquera Goberno, cando un alto cargo non está de acordo cunha decisión do seu propio Goberno, presenta a súa dimisión" ou, explicou, presenta no rexistro a súa "renuncia a calquera beneficio persoal". En todo caso, lembrou, a reforma da Lei de Función Pública foi aprobada no Parlamento e recolle "moitos preceptos da normativa estatal".

Ademais, o conselleiro insistiu en que a lei soluciona dous problemas graves deste sector en Galicia: por un lado, redúcese a politización da Administración ao cubrirse máis de 800 xefaturas a través de concurso entre funcionarios e non por libre designación e, por outro, acábase co "problema endémico" do elevado número de funcionarios temporais e interinos.