Arqueólogos do CSIC participan na creación dun sistema de análise de información patrimonial de Santiago

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 28 julio 2008 17:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA 28 Jul. (EUROPA PRESS) -

Un equipo de arqueólogos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) colabora no proxecto promovido polo Consorcio de Santiago de Compostela para a elaboración dun Sistema de Información Patrimonial (SIP) que permitirá xestionar, analizar e explotar as informacións patrimoniais da cidade.

Segundo informou hoxe o CSIC, está previsto que a finais de ano se dispoña dunha primeira mostra do proxecto dirixido polo Centro Nacional de Información Xeográfica, no que terán que traballar dous anos máis.

O equipo do CSIC está formado por sete arqueólogos que recompilaron, dende o 2006, a información que existe sobre as intervencións arqueolóxicas que se fixeron na cidade de Santiago dende 1991. Así mesmo, o último ano estiveron a traballar na captura e procesado da información --ata o ano 1999-- para dixitalizala nunha base común.

Así, se capturou información derivada das intervencións arqueolóxicas desenvolvidas dentro do ámbito espacial do Plan Especial da Cidade Histórica. En total, das 400 intervencións que deben analizar, rexistráronse 216, que inclúen 2.392 unidades estratigráficas --muros, fosos e canles-- e 3.419 fotografías.

O sistema, como informou o CSIC, servirá de apoio técnico para a toma de decisións e a xestión de proxectos de intervención sobre elementos do patrimonio histórico á vez que facilitará labores de investigación sobre a historia da cidade.

Contenido patrocinado