SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -
O 33 por cento dos fogares galegos contaba en 2008 con conexión a Internet, segundo datos da enquisa sobre condicións de vida das familias en 2008 elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Non obstante, aínda existen grandes diferenzas entre as zonas rurais e urbanas, posto que, mentres na área de A Coruña, o índice de conexión alcanza o 45,9 por cento, na zona sur de Ourense apenas supera o 14 por cento.
Mesmo entre as áreas máis próximas ás cidades se aprecian tamén diferenzas, posto que as situadas no Eixe Atlántico alcanzan uns índices que oscilan entre o 38,66 por cento de Pontevedra e o 45,87 por cento de A Coruña. En cambio, no interior, a de Lugo rexistra un 29,35 por cento de fogares con conexión á Rede e a de Ourense, un 31,74 por cento.
Estes datos foron presentados hoxe polo director do IGE, José Antonio Campo Andión, quen atribuíu estas cifras ao "compoñente demográfico", é dicir, ao maior grao de envellecemento das bisbarras do interior. Ademais, precisou que o argumento máis esgrimido para non contratar unha conexión de Internet é que "non é interesante ou útil", nun 40,7 por cento dos casos. Outros motivos son os "altos custos" (27%) e a "falta de coñecementos" (20,1%).
En canto ao uso do ordenador nos últimos tres meses do ano, os datos reflicten a mesma tendencia que no referido á Rede, posto que a área coruñesa rexistra o pico máximo, cun 58,77 por cento, fronte ao 28,69 por cento da zona oriental lucense, que obtén a porcentaxe máis baixa de Galicia. Tamén se observa unha distancia importante entre as áreas metropolitanas do interior e as atlánticas. Así, a de Lugo presenta a menor cifra (45,28%), seguida pola ourensana (48,5%), a de Pontevedra (49,64%), Ferrol (50,29%), Vigo (52,51%), Santiago (55,89%) e a coruñesa (58,77%).
Finalmente, por cidades, a herculina é a que ten unha maior porcentaxe de habitantes que utilizaron Internet nos últimos tres meses de 2008, cun 56,24 por cento, e Ourense obtén o dato máis baixo, cun 47,01 por cento. A media galega sitúase no 40,61 por cento. En canto ao uso de ordenadores no citado trimestre, a media da comunidade elévase ao 47,05 por cento. Ourense repite co índice máis baixo entre as metrópoles, cun 52,75 por cento e A Coruña de novo é a taxa máis alta, cun 61,11 por cento.
Á vista da evolución do número de fogares que utilizan Internet por provincia, obsérvase que as que máis evolucionaron foron A Coruña e Lugo, que triplicaron o número de casas conectadas entre 2002 e 2008. Deste modo, a primeira pasou dun 12,8 ao 37,2 por cento e a segunda, subiu do oito por cento o 27,3. As provincias do sur multiplicaron as súas cifras por dous, ao pasar Ourense do 10,1 por cento ao 22,1 e Pontevedra, que contaba coa porcentaxe máis alta en 2002, cun 16,5 por cento, atópase actualmente nun 33,4.
USO DO ORDENADOR
Por outra banda, o 44,9 por cento dos galegos maiores de cinco anos utilizou o ordenador no último mes de 2008, con taxas que oscilan entre o 88,9 por cento dos mozos de entre 15 e 19 anos e o 9,23 por cento das persoas maiores de 55 anos. Como dato significativo, o 71,82 por cento dos nenos entre 5 e 14 anos usaron o ordenador no citado período.
En canto ao uso de Internet nesas datas, a porcentaxe sitúase no 38,08 por cento. Tamén os maiores de 55 anos foron os que menos uso fixeron desta ferramenta, cun 7,48 por cento; e os mozos de entre 15 e 19 anos, os que a empregaron máis, cun 78,18 por cento. A taxa de nenos de entre 5 e 14 anos na Rede alcanza un 46 por cento.
Por idades e ao longo de 2008, compróbase que o uso de Internet está máis estendido entre os mozos de 15 a 19 anos, posto que o utiliza o 89,9 por cento deste colectivo, e o seu emprego vai diminuíndo segundo aumenta a idade. Deste modo, a porcentaxe de poboación de 30 a 39 anos que utiliza Internet baixa ata o 69,7 por cento e, entre os 40 e os 54 anos, non alcanza o 50 por cento. Cabe destacar que máis dun 50 por cento dos nenos de 5 a 14 anos empregou a Rede.
COMPRAS POR INTERNET
Sobre as compras efectuadas a través de Internet, o 6,4 por cento das persoas de máis de 16 anos realizou algunha nos últimos tres meses do estudio. De feito, case un 40 por cento das adquisicións supuxeron un desembolso de entre 100 e 500 euros; e un 1,6 por cento, como dato anecdótico, foi de produtos que superaron os 2.500 euros.
As viaxes e billetes para distintos medios de transporte supuxeron un 66,51 por cento dos produtos adquiridos polos galegos en 2008, mentres que as entradas para espectáculos coparon o 22,41 por cento. Por detrás, situouse o equipamento electrónico (17,13%), os libros e revistas (14,02%) e a roupa (12,65%).
Por idades, as maiores porcentaxes rexistráronse entre a poboación de 20 a 29 anos e a de 30 a 39 anos, con taxas do 11,9 e do 12,1 por cento, respectivamente.
ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA
En 2008, o 16,5 por cento da poboación galega relacionouse coas administracións públicas a través de Internet. Entre as aplicacións máis utilizadas están a declaración da renda (61,1%) e as xestións sanitarias (55,5%), a moita distancia das universitarias (18,8%) e a petición e entrega de certificados (16%).
O 81,89 por cento dos consultados esgrime o feito de que "non se perde tanto tempo" realizando as xestión por Internet como principal motivo para utilizar a Administración Electrónica, un 33,4 por cento argúe que os custos "son menores" e un 29,81 por cento, que a resposta é "rápida".
En cambio, entre as principais razóns para non utilizar este servizo está a preferencia polo "contacto persoal", cun 83,43 por cento, a moita distancia do segundo motivo, que é a "complicación", sinalada por un 10,35 por cento do total.
USO DO MÓBIL
Un 70,2 por cento dos galegos contaba en 2008 cun teléfono móbil, cifra que foi subindo ano tras ano dende o ano 2002, cando a taxa se situaba no 42,5 por cento. Por grupos de idade, o 28,5 por cento dos nenos de entre 5 e 14 anos contan con este dispositivo, ao igual que as persoas maiores de 65 anos. Entre os 15 e os 39 anos, a porcentaxe supera o 90 por cento.
Segundo Campo Andión, as cifras de utilización de teléfonos móbiles por parte de persoas de entre 16 e 74 anos son "practicamente iguais" en Galicia que no resto do Estado, cunha diferenza de catro décimas, aínda que esta desigualdade alcanza 3,6 puntos en canto ao uso do ordenador. No referido a conexión á Rede, amplíase a distancia a 5,4 puntos; e distánciase en 4,9 respecto á realización de compras por Internet.