O Centro Tecnolóxico Aimen presentará en Navalia catro proxectos de investigación aplicada ao sector naval

Actualizado: lunes, 12 mayo 2008 20:12

VIGO, 12 May. (EUROPA PRESS) -

O Centro Tecnolóxico Aimen, referente en investigación de materiais e os seus procesos de transformación, presentará no marco da feira Navalia, que se celebrará en Vigo a partir do día 20, catro proxectos nos que se aplican os resultados das últimas investigacións do centro, aplicadas ao sector naval.

Segundo explicaron hoxe os responsables do centro, o 45 por cento dos ingresos de Aimen procede deste sector e algúns dos seus proxectos máis relevantes fixéronse para empresas do naval. Así, no transcurso da feira presentarase un bote de rescate a escala real (que xa está en fase de homologación) fabricado en aluminio e na construción da cal se empregaron os máis avanzados sistemas de soldadura robotizada, nunha actividade conxunta co estaleiro Aister.

Outra das iniciativas que se presentará en Navalia é a incorporación dunha cela de soldadura automatizada, en colaboración co estaleiro Vulcano. Trátase dun proceso novidoso e híbrido (soldadura láser e de arco), que se desenvolvería nunha cela pechada para reducir o risco de accidente laboral, e o estaleiro vigués sería o primeiro de España en incorporalo.

O terceiro proxecto que se dará a coñecer durante o certame é unha iniciativa realizada conxuntamente con Industrias Técnicas de Galicia S.A., para a optimización do proceso de recarga de placas tubulares nos intercambiadores de calor dos barcos. Para iso, búscanse materiais de achega e técnicas de recarga que reduzan custos e teñan unha maior resistencia á corrosión e erosión.

Por último, Aimen presentará en Navalia o proxecto de investigación 'Turipesca', subvencionado pola Consellería de Innovación e Industria, para explorar as potencialidades do turismo vinculado á actividade pesqueira. Así, se fomentaría a diversificación e a desestacionalización do turismo en Galicia, ademais de proporcionar ingresos extras aos profesionais do mar.