VIGO, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -
O Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética 'Energylab' situarase no edificio Newton, dentro da Cidade Tecnolóxica de Vigo, no campus universitario, e empezará a funcionar de forma inmediata, co obxectivo de promover tecnoloxías, procesos e produtos que permitan a mellora da eficiencia e sostenibilidade enerxética na industria, construción, equipamento doméstico e transporte.
Así o explicaron hoxe os responsables deste proxecto, que conta coa participación da Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Vigo e a iniciativa privada, encabezada por Unión Fenosa. Segundo explicou a directora deste centro, Elena González, entre os obxectivos estratéxicos de 'Energylab' están o desenvolvemento de oportunidades de negocio no ámbito da eficiencia, promover a creación de bases de clientes, de redes de colaboradores e de capacidade para xerar coñecemento.
Durante o ano 2008, o padroado deste centro contará cun presuposto de 480.000 euros para iniciar a súa actividade, do que a metade será achegado pola Consellería de Innovación e Industria. O seu titular, Fernando Blanco, explicou que o centro será unha "peza imprescindible para que o uso racional da enerxía se estenda a toda a cadea produtiva.
Pola súa banda, o vicepresidente de Unión Fenosa, Honorato Fernández Isla, defendeu a "necesidade" de que se crease un organismo como 'Energylab' e subliñou que é o primeiro que haberá en España destas características "Unión Fenosa cree na importancia deste centro porque producimos enerxía para que se use ben, non nos gusta que se malgaste", engadiu.
O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, recalcou que esta iniciativa encaixa "perfectamente" nos obxectivos e filosofía da Cidade Tecnolóxica situada no campus universitario. Así mesmo, augurou un "éxito garantido" para o centro, na fundación do cal tamén participan empresas (ademais de Unión Fenosa), como Inditex, Indra, G.O.C., Phillips ou Finsa.
ENERGYLAB
O Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética será unha fundación, o padroado da cal estea formado por 27 membros, e contará con tres representantes do sistema universitario galego, tres representantes da Administración pública, e 18 representantes de empresas e asociacións dos sectores da enerxía, automoción, construción, pesca, téxtil, madeireiro, alimentación e outras industrias.
O financiamento do centro dependerá no seu primeiro ano de fondos públicos mediante acordos e convenios, aínda que a previsión é que as axudas públicas non competitivas perdan peso a medida que avanza o tempo. Así, se prevé que en 2012 o 40 por cento do financiamento proveña de empresas, e un 56 por cento de fondos públicos mediante a concorrencia a convocatoria de axudas.