Francis Allen pide "esforzos" para dar a coñecer mulleres "que inventaron grandes cousas e son descoñecidas"

Lamenta que non puido acceder a cargos que merecía pola súa experiencia porque a computación "non é un campo amigable" para as mulleres"

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 31 octubre 2008 17:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Oct. (EUROPA PRESS) -

A única muller gañadora do Premio Turing, Francis Allen, reuniuse hoxe en Santiago con mulleres investigadoras e aproveitou para solicitar que se realicen "esforzos" encamiñados a dar a coñecer os nomes daquelas "que inventaron grandes cousas e son absolutamente descoñecidas".

Nun acto no que tamén interveu a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán; a vicerrectora de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María José Alonso; e o director do programa 'ConCiencia', Jorge Mira; Allen respondeu a unha decena de preguntas das asistentas.

Así, ante unhas 50 mulleres investigadoras en distintos ámbitos da ciencia, comezou a súa intervención asegurando sentirse "moi emocionada" pola acollida que tivo na capital galega e polas palabras que o resto dos asistentes verqueron sobre ela, posto que durante moito tempo se atopou "moi soa" na súa profesión.

Como consecuencia das distintas preguntas que foi recibindo, admitiu que "en roles de autoridade, as expectativas adoitan ser superiores" para as mulleres que para os homes e, neste sentido, lamentou que non accedeu a postos que, pola súa experiencia, se "merecía". "A computación non é un campo amigable para as mulleres", recoñeceu.

Precisamente, considerou que as políticas de discriminación positiva "están ben", porque "realmente están a facer efecto". "Despois de tempos moi duros para a muller nas ciencias, agora empezan a romper as barreiras", celebrou. Non obstante, defendeu a necesidade de cambiar as técnicas de ensino e de dotar a computación dunha utilidade social para lograr que as mulleres se interesen máis por esta disciplina.

QUE SE "RECOÑEZA" O TRABALLO

A gañadora do premio equivalente ao Nobel nas ciencias da computación riscou tamén de "frustrante" que as mulleres non vexan recoñecido o o seu traballo, polo que apostou por que "se promova e se recoñeza" o seu labor.

Ao seu xuízo, as féminas realizan menos publicacións, aínda que as ideas que expoñen adoitan ser "máis brillantes" e enfocadas cara a tese "socialmente relevantes".

Tras reivindicar que "equivocarse é unha boa forma de aprender" como consello para aquelas persoas que traten de introducirse no campo da investigación; avogou por que as mulleres "traballen xuntas" para mellorar a sociedade".

"MODELO" A SEGUIR

A secretaria xeral de Igualdade e a vicerrectora coincidiron na "importancia" dun "modelo" como o de Frances Allen para todas as rapazas que queiran progresar no ámbito da investigación; así como para tomar conciencia de que na ciencia tamén hai espazo para as mulleres.

Pola súa banda, a conselleira celebrou que tras varios 'séculos escuros' --comparación cos séculos de decadencia da lingua e a literatura galegas-- para a muller na ciencia, "agora empézase a ver a luz". Non obstante, admitiu que "acaba de empezar", polo que reclamou un "recoñecemento" por parte da sociedade a aquelas mulleres sen as cales, "a ciencia non sería o que hoxe é".

Contenido patrocinado