SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Feb. (EUROPA PRESS) -
Galicia acollerá do 1 ao 3 de abril o Fórum Euro Latinoamericano de Torino sobre innovación rexional no que participarán máis de 200 actores do ámbito institucional, privado e público, co propósito de impulsar a cooperación en I+D+i con entidades latinoamericanas e "reforzar as redes xa existentes" para a colaboración internacional no marco europeo.
Tal e como explicou hoxe a Consellería de Innovación e Industria, o Fórum celebrarase en Santiago baixo o título 'Sistemas rexionais de innovación: da visión á realidade' e reunirá a algunhas das rexións "máis dinámicas" en materia de I+D+i en Latinoamérica, que contan con sectores económicos ligados a actividades nas que existe unha "relevante" masa crítica nesta cuestión.
A conferencia que terá lugar en Galicia estará dirixida a todos aqueles axentes que participan dos procesos de innovación nas súas rexións e que están interesados en ampliar os seus horizontes de colaboración internacional como poden ser, entre outros, as axencias de desenvolvemento e promoción da innovación, asociacións empresariais, clústers ou universidades.
Ao longo dos tres días celebraranse sesións plenarias, traballo en grupo e visitas técnicas a institucións galegas. Así mesmo, entre os temas escollidos para os grupos de traballo figuran 'Tecnoloxía para alimentos', 'Enerxías renovables' e 'Xestión ambiental'.