Innovación destina este ano 100 millóns a axudas de I+D+i para levar á práctica o plan estratéxico

Actualizado: jueves, 26 abril 2007 14:55

Fernando Blanco espera que "se superen" as 1.338 solicitudes contabilizadas en 2006

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación destinará preto de 100 millóns de euros ás convocatorias de axudas deste ano para investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i), segundo anunciaron hoxe o responsable deste departamento, Fernando Blanco, e o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato.

Ademais, presentaron as primeiras e principais convocatorias destas subvencións, que se publicarán de xeito inminente e que destinarán 64,72 millóns ao Fomento da Innovación Empresarial e da Propiedade Industrial, á Promoción Xeral da Investigación e a Programas Sectoriais de Investigación Aplicada, I+D SUMA e PEME I+D.

Para completar estas axudas haberá unha segunda convocatoria na que sairán as subvencións de Recursos Humanos, sobre a que Salustiano Mato destacou que serán "mesmo pioneiras en Europa", de Contratos-Programa para Equipos de Investigación, de Dinamización de Innovación e de Comunicación e Sensibilización Social, cun presuposto próximo aos 35 millóns de euros.

Fernando Blanco subliñou que o conxunto de axudas presentado hoxe constitúen "a principal fonte de financiamento público da investigación e da innovación para os axentes galegos de I+D+i" e supón "levar á práctica o plan estratéxico". O obxectivo da consellería é que en 2010 o sector privado achegue o 50% do investimento en I+D+i.

As axudas Sectoriais (Investigación Aplicada, Peme I+D e I+D Suma) suman 36,4 millóns e teñen como fin apoiar a investigación aplicada nas tecnoloxías sectoriais, dinamizar o proceso innovador de I+D+i nas pemes e impulsar os proxectos de máis impacto desenvolvidos por diversos axentes do sistema, nos que se prima a estratexia articuladora e o compromiso investigador.

FOMENTO DA INNOVACION

Pola súa parte, as subvencións para o Fomento da Innovación Empresarial, cun orzamento global de 22 millóns, pretenden incrementar a competitividade das empresas mediante o estímulo da innovación nas organizacións en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos de empresa.

Os apoios para o sector empresarial complétanse coas axudas para o fomento da propiedade industrial, destinadas á protección das invencións de empresas, institucións sen fin de lucro e persoas físicas, así como a protección dos deseños industriais creados polas empresas e o rexistro das marcas que vaian utilizar para a comercialización dos seus produtos. A partida reservada para iso é de 900.000 euros.

Por último, Innovación concede unha primeira liña de axudas para a Promoción Xeral da Investigación para identificar e investir na investigación básica de excelencia e propiciar unha actividade investigadora de calidade e con capacidade para competir no ámbito internacional. O presuposto dispoñible é de 5,42 millóns.

Fernando Blanco espera "superar este ano as 1.338 solicitudes" recibidas en 2006 e reafirmou o compromiso da Xunta de aumentar os fondos en I+D+i un 25% cada ano para duplicar os mesmos ao final da presente lexislatura, en 2009.