SANTIAGO DE COMPOSTELA 27 Nov. (EUROPA PRESS) -
Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago (USC) creou un novo método para estimar o momento aproximado da morte a partir da análise dalgunhas substancias do humor vítreo dos cadáveres
Con este sistema os científicos desenvolveron un software que permite determinar de forma precisa o intervalo post mortem (IPM), un dato que facilitará o labor da policía e dos tribunais de xustiza.
Para aplicar esta técnica os investigadores comezan analizando as concentracións de potasio, urea e hipoxantina (un metabolito do ADN) presentes no humor vítreo do ollo do cadáver, e introducen as cifras nun programa informático. O software ideado polos científicos de ao USC é capaz de establecer con esa información o instante no que se produciu a morte.
"As ecuacións que desenvolvemos permiten estimar de forma máis precisa que ata agora o IPM, e ofrece aos patólogos forenses unha ferramenta útil, accesible e de sinxelo manexo", explicou un dos autores do estudio, José Ignacio Muñoz Barús, médico especialista do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela.
As técnicas tradicionais de estimación do intervalo post mortem baséanse no estudio de parámetros como a temperatura rectal do cadáver ou dalgún dos seus órganos, como o fígado, no exame do rigor mortis, ou nas livideces cadavéricas. Estes métodos compleméntanse con análises bioquímicas de fluídos corporais. Un deles é o humor vítreo, o líquido xelatinoso que se atopa detrás do cristalino do ollo.
Muñoz Barús sinalou que no estudio, publicado recentemente en Statistics in Medicine, formúlanse uns modelos matemáticos "máis flexibles, útiles e eficientes" que os que se aplicaban ata o momento. O médico cualificou como "pouco reproducibles, pouco precisos e sen probas de campo" a algunhas técnicas anteriores, como a degradación do ADN, a inmunoreacción, ou as tradicionais baseadas na bioquímica do humor vítreo.
Neste último caso o investigador especificou que os estudios previos empregaban un "modelo matemático de regresión lineal", que asume que as concentracións de potasio, hipoxantina e urea se incrementen dun modo lineal máis ou menos constante ao longo do intervalo post mortem.
Non obstante, as novas análises suxiren que esas premisas non son válidas, e que resultan "máis flexibles e moito máis útiles os modelos estatísticos coñecidos como generalized additive models (GAM) ou os support vectormachine (SVM), xa que evitan a asunción de linealidade".
A precisión e utilidade destes dous modelos confirmouse cunha análise química en máis de 200 mostras de humor vítreo. O médico e os dous matemáticos que realizaron o estudio comprobaron que o método SVM ofrece os datos con máis precisión, aínda que o GAM é máis doado de asimilar ao modelo lineal e de entender gráfica e numericamente, "polo que ambos os dous se complementan".