Investigadores da USC descobren unha parte do cerebro que analiza as consecuencias da toma de decisións

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 23 octubre 2009 21:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

O grupo de investigación de Neurociencia da Universidade de Santiago (USC) descubriu que existe unha zona do cerebro, denominada codia premotora, implicada en valorar as consecuencias da toma de decisión da persoa.

Segundo explicaron, para axustar as decisións ás necesidades do ambiente, o ser humano necesita supervisar os seus actos e saber se as respostas realizadas foron correctas. Isto lógrase, segundo engadiron, a través da introspección, a memoria e a toma de decisións, funcións que dependen da codia premotora.

As neuronas desta parte do cerebro "realizan todas as operacións necesarias que permiten ás persoas tomar decisións, avaliar o seu resultado e, polo tanto, cambiar os criterios que levan a tomalas para axustar a conduta", comentaron os integrantes do grupo, que conforman o catedrático Carlos Acuña, José Pardo-Vázquez e Víctor Leborán.

O descubrimento destes mecanismos neuronais e a súa localización son de "grande importancia", resaltaron os investigadores, xa que "estas funcións están alteradas en moitos trastornos de conduta, polo que pode ser dianas terapéuticas para estas enfermidades", engadiron.

Os descubrimentos desta liña de investigación foron publicados na revista 'Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America (PNAS), unha das tres publicacións multidisciplinares máis importantes do mundo, no artigo titulado 'A role for the ventral promotor cortex beyond perfomance monitoring'.

Contenido patrocinado