Lambda Stream, unha empresa galega pioneira en televisión por internet e con actividade en Rusia

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 14 abril 2007 12:30

A CORUÑA 14 (EUROPA PRESS)

A empresa galega Lambda Stream é unha das tecnolóxicas que lidera a revolución que neste sector se está a producir en España, aínda que á súa actuación se estende a outros países como Rusia.

Unha das súas especialidades, a televisión por Internet, o seu punto forte en España, cada vez está máis presente na sociedade. Jesús Fernández, director comercial de Lambda Stream, explicou a Europa Press que "non é unha alternativa á televisión pero si un complemento" e engadiu que "ofrece contidos máis alternativos", é "outra forma de ver a televisión".

De feito, apuntou que un dos seus obxectivos é "facer realidade" a televisión persoal interactiva "e permitir que o usuario acceda aos contidos dende calquera lugar e cando queira".

De momento, esta opción redúcese a empresas ou a clientes que teñen a capacidade de inverter entre os 60.000 e o medio millón de euros que custa o sistema. Na Coruña o concello e o Club Deportivo xa se sumaron á iniciativa. O equipo de fútbol coruñés de feito contou con máis de 40.000 visitas á súa páxina web no primeiro mes que incluíu este servizo.

Non obstante, Jesús Fernández advertiu de que o público obxectivo da televisión por internet pode ser "calquera persoa" e destacou que se trata é unha opción moi interesante para "as propias canles de televisión tradicional, concellos que queiran ofrecer información turística, bancos ou universidades". Ademais, destacou que para os contidos con públicos moi particulares é "máis económico" que a tradicional.

No referente a contidos, este formato ofrece directos, semidirectos e servizo de videoclub. Ademais, Fernández explicou que poden ofrecer calquera tipo de contido "porque só hai que codificalos para axustar a calidade e permitir que sexa viable coa conectividade de cada un".

Con sede na Coruña e oficina comercial en Madrid, a compañía empezou a operar en 2003 como spin-off do grupo MADS da universidade da Coruña. Presente no mercado español, ten tamén unha clara vocación internacional, que se plasmará nos próximos meses coa apertura de varias oficinas internacionais.

Por iso, ao falar de futuro o director comercial de Lambda Stream é optimista. "En radio hai máis canles por internet que pola tradicional así que en televisión pode chegar a pasar o mesmo", sentenciou.

Contenido patrocinado