Profesionalización de directivos e especialización, principais retos das TICs galegas, segundo un estudio

Estas empresas piden máis compromiso das entidades financeiras e cren necesario ampliar os seus mercados

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 18 junio 2009 20:27

VIGO, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

Un estudio realizado polo Foro Caixanova de Estrategias Empresariais sobre a cadea de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs) de Galicia apunta á profesionalización dos directivos e á especialización de actividades como principais retos das empresas que operan neste sector.

Así se reflicte no devandito informe, presentado hoxe polo seu director, Jorge González Gurriarán, e polo presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e realizado a partir de reunións cunha vintena de empresas. Esta publicación, a número 17 elaborada polo Foro e da que se distribuirán uns 2.000 exemplares, fai un diagnóstico estratéxico da situación das TICs, identifica factores clave, e propón actuacións.

En canto á análise do sector, o estudio reflicte a importancia das TICs por ser unha cadea de empresas transversal xa que, segundo recordou González Gurriarán, "inflúe en todas as demais cadeas de actividade empresarial". Tamén evidencia que se trata dun sector "novo pero moi relevante".

Nese sentido, Galicia pasou de ter 626 empresas deste tipo no 2000 ás máis de 1.500 actuais, e o sector xera máis de mil millóns de euros de VAB (Valor Engadido Bruto), o que representa o 2,39 por cento do VAB total de Galicia.

DIAGNÓSTICO E ESTRATEXIAS FUTURAS

O informe do Foro Caixanova de Estrategias Empresariais apunta que existe unha "grande atomización" no sector, aínda que "empeza a haber grupos de referencia que tiran das demais empresas". Tamén recolle que o principal mercado para elas é o local, aínda que crece a tendencia á internacionalización, e especifica que o 62 por cento dos clientes de empresas TICs son outras empresas, o 22 por cento son particulares, e o 16 por cento son Administracións e institucións.

O documento subliña, así mesmo, a importancia da innovación e da cooperación entre empresas, especialmente relevante ao tratarse de compañías pequenas e novas, así como a cooperación cos grandes cluster e os centros tecnolóxicos.

Por outra parte, entre as estratexias que os empresarios propoñen como prioritarias para o futuro están a mellora da cualificación profesional dos directivos das pymes para que teñan "maior visión estratéxica"; promover un maior grao de especialización "porque non todas as empresas teñen que facer de todo"; formular estratexias de diferenciación; ou impulsar o crecemento noutros mercados xeográficos.

Tamén propoñen potenciar a cultura da innovación; que se impulse o desenvolvemento da "e-administración" para que o universo público se converta nun cliente relevante das TICs; e reclaman "maior apoio e compromiso das entidades financeiras co desenvolvemento de proxectos empresariais innovadores".

O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, eloxiou o traballo realizado polo Foro e recordou que este tipo de publicacións son "extraordinariamente útiles" para que sexan usadas polas empresas á hora de deseñar os seus plans estratéxicos.

Gayoso tamén recordou que "o mellor exemplo de TIC galega" é a empresa de telecomunicacións R, na que participa a entidade financeira. Así, explicou que R é líder no mercado galego de internet e que a metade das empresas de Galicia son clientes seus.

Contenido patrocinado