SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -
O Plan Nacional de I+D+i impulsará con 1,73 millóns de euros a construción dun centro de investigación en novas tecnoloxías cirúrxicas minimamente invasivas en Tecnópole, Parque Tecnolóxico de Galicia, que será pioneiro na comunidade en fetoscopia e na introdución da visualización laparoscópica en 3D.
O director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, presentou hoxe o proxecto 'Tecnoloxías Médicas de Vangarda' (Tecmeva), que suporá a posta en marcha durante este ano deste centro que se situará no edificio Tecnólope I, no municipio de San Cibrao das Viñas (Ourense).
O Tecmeva foi deseñado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e pola Sección de Cirurxía Pediátrica do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) e destinará a súa actividade a hospitais, universidades e empresas relacionadas co sector sanitario, coas que Tecnópole "buscará establecer acordos" para a explotación dos resultados da actividade científico-tecnolóxica.
Ademais, a Xunta sinalou que o financiamento procedente do Plan Nacional de I+D+I se realizará a través do Subprograma de Apoio a Actuacións Científicas e Tecnolóxicas en Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (Acteparq) do Ministerio de Innovación e Ciencia, dotado con fondos europeos de desenvolvemento rexional (Feder).
Capilla garantiu, ademais, o "compromiso económico" da Consellería de Economía e Industria con Tecmeva para a fase de consolidación, dada a consideración do centro como instalación científico-tecnolóxica para Galicia.
INSTALACIÓNS
As instalacións e o equipamento inicial do centro estarán formados por un quirófano estéril experimental para Laparoscopia en 3D, Fetoscopia e outras técnicas deste tipo que "necesiten condicións de esterilidade" e que teñan capacidade de gravación e de transmisión de imaxes.
Tamén formarán parte do local un outro quirófano con catro postos para o adestramento en técnicas laparoscópicas convencionais; dous cuartos de hospitalización para ingreso e seguimento dos animais; unha unidade de simulación virtual coa que adquirir habilidades no manexo de instrumentos cirúrxicos; e unha sala de videoconferencia.
Finalmente, a Administración autonómica explicou que a fetoscopia é unha novidosa técnica que permite obter mostras de sangue fetal, realizar biopsias e levar a cabo intervencións cirúrxicas complexas, pero advertiu de que aínda é moi "recente" e que por iso necesita dun "intenso labor" de I+D+i.