Unha báscula conectada ao teléfono móbil permitirá controlar as patoloxías crónicas nun hospital coruñés

Actualizado: miércoles, 27 febrero 2008 18:15

A CORUÑA, 27 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Hospital Juan Canalejo da Coruña, xunto á empresa Wireless Galicia e á Escola de Telecomunicacións de Vigo, presentaron hoxe un novo sistema que permitirá que os médicos controlen as patoloxías crónicas dos pacientes mediante unha báscula conectada ao teléfono móbil a través de tecnoloxía bluetooth.

A báscula e o acelerómetro --outro proxecto de telemedicina que aínda non se probou e que detecta o nivel de actividade física-- ofrecerán unha resposta automática ao usuario, xa que lle indicará, en función do seu diagnóstico, se debe gañar ou perder peso ou aumentar ou reducir o ritmo de exercicio, aínda que a aplicación será variable en función da patoloxía.

"Esta báscula permitirá ao médico comprobar a evolución dos parámetros do paciente e poder evitar así un episodio agudo, ademais de ser unha comodidade para o propio cidadán, que non terá que desprazarse ao hospital", comentou o subdirector de sistemas de información do Hospital Juan Canalejo, Guillermo Vázquez.

Con isto o que se pretende, ademais, é que a intervención do paciente á hora de usar estes aparatos, "sexa cero ou case cero", como sinalou Vázquez, quen engadiu que o que les "obsesiona" é empregar tecnoloxía "alcanzable" para o peto do cidadán.

O responsable do Departamento de I+D de Wireless Galicia, Xurxo Cegarra, recordou que este proxecto se comezou a poñer en funcionamento durante o ano 2006 e quedou finalizado a finais do pasado 2007, contando cun financiamento por parte da Xunta de Galicia de 37.000 euros.

O proxecto comunicará o hospital co paciente e permitirá unha interacción directa entre a equipación e o cidadán. Guillermo Vázquez sinalou ademais que a idea que teñen é que esta báscula "se compre no futuro nos locais comerciais do ramo" e que mesmo sexa utilizada por xente que queira seguir unha "vida saudable".