A Xunta apoiará con 6 millóns a creación dunha fábrica de vidro de alta eficiencia enerxética en Valdeorras

Actualizado: jueves, 15 mayo 2008 21:25

Industria intentará potenciar o turismo na bisbarra da Limia a través da recuperación da aldea de Saa, en Vilar do Santos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 May. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia apoiará a posta en marcha de Cedisolar, unha nova planta de fabricación de vidro de alta eficiencia enerxética en Valdeorras (Ourense), coa achega a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) dunha subvención de 6,18 millóns de euros e que cubrirá o 22 por cento da inversión subvencionable, cifrado en 28 millóns.

Así o acordou hoxe o Consello da Xunta, que destacou o interese do proxecto e o especial carácter dinamizador que ten para esta bisbarra ourensana, posto que xerará 59 novos empregos na bisbarra e que suporá un desembolso de máis de 32 millóns de euros.

"É unha boa noticia e unha aposta empresarial nun ámbito local necesitado", sentenciou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno autonómico, e recordou que a do Barco de Valdeorras é unha bisbarra priorizar no Plan de reequilibrio Territorial.

Pola súa parte, Xesgalicia, a sociedade xestora dos fondos de capital risco da Xunta, participa no capital social de Cedisolar, cunha inversión de 1 millón de euros. Está previsto que a nova factoría, que terá unha capacidade de produción de 3,4 millóns de euros anuais, logre unha facturación de case 24 millóns de euros no primeiro ano de funcionamento.

Este proxecto, impulsado polo grupo Rioglass Solar Holding, no que participa Abengoa, e por Cedie, empresa do grupo Unión Fenosa, está destinado principalmente a aplicacións de aforro enerxético en arquitectura. Así, este vidro de alta eficiencia facilita o aforro tanto en verán, limitando a radiación de entrada, como en inverno, evitando as perdas de calor.

RECUPERACIÓN DA ALDEA DE SAA.

Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou un convenio entre a Consellería de Innovación e Industria co Concello de Vilar de Santos (Ourense) para a recuperación da Aldea de Saa, para a cal o departamento que dirixe Fernando Blanco destinará case 400.000 euros.

Esta cantidade irá destinada a recuperar un pequeno grupo de ruinas para que poidan ser utilizadas no ámbito turístico. Entre outras actuacións, prevese a instalación dun mesón-cantina, aloxamentos de turismo rural ou unha aula de formación co obxectivo de "potenciar" e "revalorizar" os recursos naturais da bisbarra da Limia.