Actualizado 27/07/2007 15:15 CET

A Xunta aspira a captar 10 científicos de prestixio internacional para liderar proxectos estratéxicos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación espera poder contratar o próximo ano a entre oito e 10 científicos de recoñecido prestixio internacional para que lideren proxectos estratéxicos en Galicia. A intención deste departamento autonómico non é só captar cerebros foráneos, senón recuperar outros galegos que tiveron que traballar noutros sitios.

O titular de Innovación, Fernando Blanco, presentou hoxe o Programa IMAN (Unidade de Captación de Intelixencia Estratéxica), que complementa o de recursos humanos de Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 (IN.CI.TE) e que terá unha dotación de 8-9 millóns de euros ata o ano 2010.

Blanco mostrouse convencido de poder convencer a científicos prestixiosos para liderar iniciativas en Galicia, cun contrato económico atractivo -que será negociado individualmente en función da persoa e o proxecto- e creando o ámbito para que poidan desenvolver o seu traballo "en iguais ou mellores condicións" que o facían noutros lugares.

Para conseguir este labor están previstos contratos de alta dirección para o desenvolvemento de centros tecnolóxicos e centros de investigación de excelencia, contratos de valor estratéxico para a posta en marcha e dinamización de accións estratéxicas e contratos de alto nivel para a promoción de proxectos de grande alcance.

IMAN emprenderá procedementos e campañas de captación dos máis acreditados investigadores do mundo e empregará polo menos dúas modalidades de contratación: temporal e indefinida. A primeira será para o arranque dos primeiros pasos dos plans estratéxicos e os máis duradeiros para aqueles postos nos que se debe fixar un labor estrutural.

MECENADO E CONVENIOS

Como primeira achega económica prevese destinar aproximadamente 1,5 millóns de euros para o arranque do proxecto e primeiras accións en 2008. De forma paralela, Fernando Blanco explicou que se traballará no financiamento a través do mecenado e convenios con empresas e entidades financeiras.

Entre setembro e decembro deste ano definirase a Unidade de Captación de Intelixencia Estratéxica. Así mesmo, darase paso á contratación de persoal e á súa posta en funcionamento. Entre xaneiro e abril de 2008 levarase a cabo a primeira campaña de captación internacional de postos definidos pola Xunta e a convocatoria para seleccionar perfís proposto polos centros e organismos de investigación. Finalmente, de maio a decembro de 2008 realizaranse os primeiros contratos, entre oito e 10.