VIGO 7 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Innovación e Industria prevé que a Plataforma Tecnolóxica da Enerxía galega poida entrar en funcionamento este mesmo ano, segundo anunciou hoxe o titular deste departamento, Fernando Blanco, durante o acto de inauguración da Feira Internacional das Enerxías Alternativas e Medio, no Instituto Feiral de Vigo.
Blanco confirmou que nas próximas semanas se celebrará a asemblea constitutiva da devandita plataforma, co fin de que estea en marcha durante este ano 2007, e lembrou que este organismo "axudará a dar resposta aos retos do sistema enerxético actual".
O conselleiro recordou a importancia do sector enerxético galego, que supón un 8 por cento do PIB, e a intención da Xunta de fomentar o uso eficiente da enerxía, o aforro enerxético, o desenvolvemento de enerxías alternativas, ou o aumento na produción de biomasa.
Así, Fernando Blanco lembrou que o obxectivo da Consellería de Innovación e Industria é que, no ano 2012, o 95 por cento da enerxía que se consuma en Galicia proceda de fontes renovables. Ademais, para ese mesmo horizonte, prevese aumentar a potencia enerxética en Galicia ata os 10.600 megavatios, o que suporá un incremento do 73 por cento, así como alcanzar os 120.000 metros cadrados de paneis de enerxía solar.
ENERNOVA
O conselleiro realizou estas declaracións durante o acto de inauguración de Enernova, a Feira Internacional das Enerxías Alternativas e Medio, que se celebra dende hoxe (para profesionais) e ata o sábado (para o público en xeral) no Instituto Feiral de Vigo.
A celebración de Enernova enmárcase dentro da Semana da Enerxía de Galicia, unha iniciativa que inclúe, ademais da feira, a celebración do I Congreso Internacional de Enerxías e Medio, que se clausurou hoxe con máis de 400 participantes.
Durante o acto de inauguración tamén interveu a alcaldesa de Vigo en funcións, Corina Porro, que avogou por facer un "esforzo" encamiñado a tomar medidas para combater o cambio climático, que afectará especialmente a Galicia, como as que se recollen no novo Código Técnico de Edificación.