A Xunta valora a "calidade" dos 11 deseños presentados ao concurso de software libre de creación multimedia

Actualizado: miércoles, 4 julio 2007 15:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Jul. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, destacou hoxe na entrega de premios do concurso 'Software libre para creación de contidos multimedia' a "boa calidade" dos 11 traballos presentados.

Os proxectos, realizados en telecentros de toda Galicia, pódense consultar xa na páxina web da Rede de telecentros de Comunicación, onde están a disposición dos usuarios a totalidade das obras que concorreron, que competían en tres categorías diferentes.

Destas, Francisco Javier Barcia Pedreira, do Centro Multimedia de Galicia, venceu coa súa obra 'Long Way Home' no apartado de Inkscape, ferramenta utilizada para a creación de gráficos vectoriais, similar ao coñecido programa Flash.

Pola súa banda, na categoría de Gimp, instrumento de manipulación de imaxes, versión libre de Photoshop, o premio recaeu en Natalia Martín Lago por 'Dende o espazo', obra presentada dende o telecentro da Escola Técnica de Telecomunicación de Vigo.

Por último na categoría de Blender, que se emprega para a creación de gráficos tridimensionais, o gañador foi Paul Rodríguez García polo seu traballo 'Nave', que tamén competía dende o telecentro da escola de Vigo.