BNG denuncia a "especulación" da Xunta ao redor do patrimonio costeiro: "O balance é unha chiringuitada"

Archivo - O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará.
BNG - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 29 marzo 2026 11:34

    SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, denunciou a "especulación" que a Xunta fai ao redor do patrimonio costeiro de Galicia, cunha "explotación intensiva" de zonas con valores ambientais e o aumento de establecementos turísticos. "O balance de dous anos da Lei do Litoral resúmese en dúas palabras: Unha chiringuitada", subliñou.

   Bará criticou que durante este tempo a "medida estrela" impulsada polo Goberno galego foi a ampliación da temporada de chiringuitos desde Semana Santa até outubro, sete meses, e a "marca, supostamente, de 400 establecementos deste tipo autorizados".

    Neste contexto, o nacionalista galego indicou que fronte ao "interese desmedido" por aprobar medidas encamiñadas á "especulación custe o que custe", constantan unha "falta de interese pola xestión integral", posto que a Xunta "non aprobou ningún dos instrumentos de planificación e ordenación previstos na lei de xullo de 2023.

   Concretamente, referiuse ás Directrices de Ordenación do Litoral, que tiñan que estar aprobadas dous anos despois, no mesmo mes de 2025, e aínda non se presentaron; o Plan de Ordenación Costeira, que segue pendente, ou o Plan de Ordenación Mariña, do que tampouco hai noticias aínda que "debería recibir luz verde en xullo".

    "Esta preguiza normativa do PP non é casual, porque as prioridades son encher a costa de chiringuitos, promover unha rede de establecementos turísticos ou unha senda costeira que debería desenvolverse no Plan de Ordenación Costeira que se atrasa, precisamente de maneira intencionada", remarcou.

   Ademais, Bará reprochou que o PP "deixase sen efecto unha boa parte do Plan de Ordenación do Litoral (POL) de 2011" porque, segundo explica, "facilita que se estean autorizando campamentos turísticos, bungalows ou cabanas en zonas de mellora ambiental ou de protección costeira".

   Con todo, o nacionalista galego concluíu asegurando que todo vai na mesma dirección: "Especulación ao redor do patrimonio costeiro, explotación intensiva de zonas con valores ambientais e proliferación de establecementos turísticos e chiringuitos".

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado