O BNG esixe ao Goberno unha "revisión profunda" do modelo de reparto da cota da sardiña: "É inxusto"

O deputado do BNG Néstor Rego
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 20 marzo 2026 11:17

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O BNG reclamou ao Goberno central unha "revisión profunda" do modelo de reparto da cota da sardiña --que considera "claramente inxusto"-- de cara á negociación do novo acordo bilateral entre España e Portugal para 2027, así como unha redistribución interna que "atenda as necesidades reais" da frota pesqueira galega.

    En concreto, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou que o sistema actual é "claramente inxusto e prexudicial" para a frota galega, "que sendo maioritaria no cerco do Cantábrico e Noroeste, recibe unha parte insuficiente da cota dispoñible".

   Neste sentido, o deputado nacionalista advertiu de que non só se trata "dun problema de desequilibrio entre estados", senón tamén dentro do propio Estado, "onde non se están tendo en conta nin o número de buques nin de tripulantes", segundo denunciou.

    Ademais, referiuse á distribución interna da cota e asegurou que "se está permitindo a especulación cun recurso público esencial, favorecendo un mercado de compra-venda que beneficia a quen non necesita consumir a súa cota mentres prexudica a quen si a necesita para traballar".

    Con todo, demandou que se estableza unha nova distribución interna da cota entre as zonas 8c e 9a, "proporcional e baseada tamén no número de embarcacións e persoas traballadoras, con independencia do resultado da negociación bilateral".

   "O que está en xogo é o futuro do sector pesqueiro galego e o mantemento de centenares de empregos. O Goberno debe actuar con responsabilidade e garantir unha repartición xusta e racional dun recurso que é de todos", recolleu o BNG nunha nota de prensa.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado