SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Ene. (EUROPA PRESS) -
Comisións Obreiras (CCOO) reclama, tras o accidente ocorrido na A-8, a paralización total dos traballos de mantemento en autoestradas e autovías de Galicia "ata que se acredite, por escrito e con garantías reais, que a actividade pode desenvolverse sen expor ao persoal a riscos innecesarios", dos que tamén alerta a CIG.
Esta demanda prodúcese un día despois de que dous operarios falecesen e outros dous resultasen feridos graves por mor dun atropelo rexistrado no quilómetro 587 da A-8, ao seu paso por Pígara, en Guitiriz (Lugo), dirección Asturias. Outro home resultou ferido leve.
Por iso, segundo informa CCOO Hábitat Galicia, a representación legal dos traballadores (RLT) da A-8 solicitou á empresa que se paralicen os traballos ordinarios en vías rápidas e a suspensión automática da actividade durante alertas meteorolóxicas oficiais, de forma que se manteñan unicamente actuacións de "urxencia real" por accidente ou incidencia e sempre con avaliación específica e medidas reforzadas.
Esta organización sindical recolle que, nas últimas horas, recibiu vídeos e avisos que mostran "situacións de risco recorrentes". Entre elas, citan unha sinalización "insuficiente"; a presenza de persoal e vehículos en zonas de circulación con visibilidade limitada, e traballos executado en condicións meteorolóxicas adversas.
Neste contexto, chama a empresas concesionarias e a administracións públicas titulares das vías a paralizar todo o mantemento até "implantar un marco de garantías verificable" e advirte de que porá os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
CIG ADVIRTE DE "RISCOS EXTREMO"
Por outra banda, a CIG tamén mostrou "absoluta indignación" polas condicións de traballo na conservación de estradas: "Non estamos ante unha fatalidade inevitable, senón ante a crúa realidade dun sector que traballa en condicións de risco extremo".
Nesta liña, o sindicato nacionalista tacha de "intolerable" que "a clase traballadora teña que xogarse a vida a diario con tráfico aberto, a escasos metros de vehículos a gran velocidade", mentres as empresas responsables "miran cara a outro lado".
Ademais, lembra que os operarios da A-8 levan anos reclamando o plus de perigo, especialmente no alto do Fiouco, polo que denuncia a "temerosidad" da empresa", que se negou "reiteradamente" a recoñecer este dereito, tal e como recolle a CIG.